Oficina CEER
 17-10-2013
ARMESTO E ABRIL ABREN UN ESPAZO DE FORMACIÓN PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE

O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, e o presidente do Consello Social, Antonio Abril, inauguraron onte un novo programa formativo para persoas con discapacidade “Espazo Compartido”, auspiciado pola Vicerreitoría de Campus de Ferrol e Responsabilidade Social e patrocinado por Banco Santander, a través da División Global Santander e Fundación Universia.

Espazo Compartido é un programa universitario de formación en habilidades persoais, sociais e competencias básicas orientado á mellora da empregabilidade e ao fomento da inclusión laboral dos mozos e mozas con discapacidade cognitiva. Este proxecto nace coa finalidade de abrir o espazo universitario a colectivos que non poden acceder polas canles ordinarias debido ás barreiras de acceso, fomentando a inclusión de todos os participantes e das súas familias na comunidade universitaria.

A Sala de Prensa da Reitoría acolleu onte o acto de apertura desde novo curso, no que estaba presente tamén o director territorial de Galicia de Banco Santander, Pablo Berdiel Escario, e a vicerreitora Araceli Torres quen destacou que “as institucións que prestan un servizo público están na obriga de ir por diante na incorporación de procesos de normalización e de integración que van dar como resultado unha sociedade máis xusta”. “A atención específica á diversidade nas universidades é un significativo indicador de equidade e de calidade”, engadiu para finalizar asegurando que “na Universidade da Coruña traballamos para combater as barreiras que se lles presentan ás persoas con discapacidade para acceder aos estudos universitarios e o desenvolvemento do programa Espazo Compartido permítenos avanzar nun ámbito ata agora esquecido, dentro do propio ámbito das discapacidades: as discapacidades cognitivas”.

Pola súa parte, Armesto subliñou que “se trata de seguir con coherencia o modelo social na abordaxe das discapacidades, que obriga a que sexa a sociedade a que se adapte ás necesidades das persoas con discapacidade e non á inversa”. Finalmente, Abril encadrou esta iniciativa “no marco do firme compromiso do Consello Social pola Responsabilidade Social, representada neste caso pola atención á diversidade”. “Trátase dunha mensaxe á sociedade e ao mundo universitario sobre o valor da educación superior e o esforzo que é capaz de facer unha universidade pública en época de crise para integrar a diversidade”, rematou.

Fonte: udc.es