Iolanda Fernández | Vigo
 29-10-2013
O CRECEMENTO INTELIXENTE COMO FERRAMENTA PARA SAIR DA CRISE

O crecemento intelixente, sustentable e inclusivo é, a xuízo do director do Centro de Estudos Euro Rexionais (CEER), Rubén Lois, a clave para que un país “poida saír antes ou en mellores condicións dunha situación de crise económica coma a que estamos a vivir na actualidade”. Co obxecto de amosarlle á sociedade unha pequena parte do traballo de investigación que día a día se desenvolve nas tres universidades galegas e nas de Porto, Minho, Trás-os-Montes e Alto Douro, o vindeiro luns 28 de outubro terá lugar, precisamente no campus vigués, a primeira das dúas xornadas sobre a transferencia de coñecemento das universidades ao tecido produtivo no marco da Estratexia 2020 da Unión Europea. Ao día seguinte, estas conferencias e mesas redondas, nas que tamén colabora a Xunta de Galicia, continuarán na Universidade de Minho.

Entre os obxectivos que persegue esta proposta, na que se aposta por un crecemento intelixente na eurorrexión Galicia-norte de Portugal, tanto o director do CEER , Rubén Lois, coma o vicerreitor de Economía e Planificación da Universidade de Vigo, José Manuel García, salientaron a importancia de intensificar e potenciar formas de transferencia de coñecemento entre a investigación científica e económica. Tamén sinalaron a necesidade de difundir boas prácticas na articulación entre empresas e institucións vinculadas co ensino e a investigación, e nesta liña, Rubén Lois incidiu na posibilidade de favorecer as sinerxías entre as universidades e as empresas nesta área xeográfica ao tempo que se promove o seu crecemento económico.

Para o director do CEER, “xerar I+D e transferilo aos sectores económicos para poder competir así nun mundo globalizado é máis ca necesario para acadar o tan desexado crecemento intelixente”. A eficacia enerxética e os estudos que se realizan sobre este tema nas universidades que colaboran na organización destas xornadas “dannos a chave para lograr un crecemento sustentable”, asegura. Reducir o risco de pobreza e a taxa de paro nestas zonas é tamén, segundo Lois, outro dos requisitos necesarios “para podermos dicir que tamén cumprimos co crecemento inclusivo, un asunto ao que nos achegaremos con detemento durante estes dous días”.

Mesas e conferencias de primeiro nivel
O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, será o encargado de impartir, este vindeiro luns, a conferencia inaugural na que achegará aos asistentes á estratexia de desenvolvemento da Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE) na Europa Universitaria e nas Macrorrexións. Segundo adiantou o vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García, Mato centrará boa parte do seu relatorio na aposta que fai a Universidade en investigación e novas tecnoloxías. De seguido, terá lugar una mesa de debate na que se analizarán os centros de excelencia nas universidades de Galicia e do norte de Portugal e na que participarán o director xeral de Gradiant, Fernando Pérez González; o director do CIMUS da Universidade de Santiago de Compostela, Carlos Diéguez; a directora de AtlanTIC, Nuria González Prelcic e o investigador do grupo centro 3Bs da Universidade do Minho, Nuno Sousa.

O sector da empresa centrará o segundo destes debates entre profesionais na cidade de Vigo “poñendo enriba da mesa que é o que demandan os sectores económicos da Eurorrexión á investigación aplicada que se xera na universidade”. Para rematar este día, o presidente do Consello Social da Fundación CEER e da Fundaçao Serralves, Luís Braga da Cruz, impartirá unha conferencia sobre as posibilidades competitivas reais da Eurorrexión.

O colofón final en Braga
O martes 29 de outubro, o campus de Gualtar da Universidade de Miño en Braga acollerá a segunda e última destas xornadas nas que tamén se realizarán dúas mesas de debate e intervirán o reitor desta Universidade do norte de Portugal, Antonio Cunha, centrándose novamente na no papel das universidades para a saída da crise a través do coñecemento intelixente.