Iolanda Fernández/ DUVI
 31-10-2013
A SALA X DA UNIVERSIDADE DE VIGO ABRE AS SÚAS PORTAS A ALUMNADO DA UNIVERSIDADE DO PORTO

“Un conxunto de artistas que contaminan e se deixan contaminar pola idea de grupo”. Con estas verbas definía o coordinador da mostra Uma hora a mais #4 – Aproveitar o tempo, o profesor Fernando José Pereira, os traballos de seis ex alumnos e alumnas do mestrado en Prácticas Artísticas Contemporáneas da Universidade de Porto que este martes presentaron unha escolma das súas obras na Sala X da Facultade de Belas Artes. A vicerreitora do campus, Antonia Blanco, e a docente do centro pontevedrés Silvia García quixeron arroupar a tres destes artistas, os portugueses José Nibra e Reis Valdrez e a galega Cillas Rodríguez, nun intre moi especial para estas futuras promesas da arte portuguesa e española.

Segundo explicou o coordinador da exposición, Fernando José Pereira, “unha das características identitarias dos grupos de artistas que se teñen reunido arredor deste máster é a de traballar no eido do que hoxe é coñecido como campo expandido, é dicir, aquel no que o traballo e as experiencias se atopan en total autonomía respecto das constricións conceptuais que as poidan coartar”. Deste xeito, a escolma que se presenta na Sala X non é máis ca un conxunto de posibilidades ensaiadas polos artistas e que obedecen unicamente aos seus intereses “sen ningunha limitación a excepción das puramente vinculadas coa súa intencionalidade como autores”. Así, as seis obras que acolle o edificio de Belas Artes ata o vindeiro venres 8 de novembro amosan o reflexo visible de todos eses “non condicionantes” que, por decisión dos propios artistas, se presenta en formato de exposición colectiva.

Para José Nibra, Reis Valdrez e Cillas Rodríguez o obxectivo deste traballo é o de confrontar ao espectador cos espazos de distintas intensidades luminosas “que amosan unha relación directa cos paradigmas espaciais da contemporaneidade: por unha banda o white cube e, por outro, o black box”. O resultado final é a suma do esforzo e das ganas que cada un deles puxo ao longo do último ano durante o mestrado e que culmina con esta exposición que tenta, en boa medida, darlle visibilidade a cada un destes proxectos.