Oficina CEER
 03-12-2013
OS GOBERNOS LUSO E GALEGO CREARÁN CONXUNTAMENTE UN PROGRAMA DE ERASMUS EURORREXIONAL DENOMINADO “IACOBUS”

Galicia e a Comunidade de Coordinación de Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal traballan xuntas na redacción dun Plan de investimentos conxuntos na Eurorrexión e nun programa de fomento de intercambio e fomento da mobilidade entre estudantes, profesores e investigadores a ambos os lados da fronteira. Así o subliñaron hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), Emídio Gomes, logo da xuntanza mantida esta mañá, o primeiro encontro con carácter institucional que se produce entre ambos os mandatarios. Durante a reunión, o titular da Xunta e o presidente da CCDR-N fixeron balance dos dous anos de Presidencia galega á fronte da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal e avanzaron na preparación do XI Plenario, que se celebrará a inicios do vindeiro ano, previsiblemente, no mes de febreiro de 2014. Un Plenario onde se traspasará a Presidencia da Comunidade de Traballo á parte lusa por período de dous anos, quedando á fronte deste organismo o titular da CCDR-N, Emídio Gomes.

A reunión da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal do mes de febreiro afondará nas novas liñas de actuación que se están a potenciar para adaptar as estruturas deste organismo ás novas exixencias da Unión Europea. Uns eixes de traballo, que segundo lembraron Feijóo e Emídio Gomes pasan por axustarse aos obxectivos da Estratexia 2020 para acadar un crecemento intelixente, sustentable e integrador; e por adaptarse ás exixencias derivadas do novo marco financeiro comunitario para o período 2014-2020. A este respecto, tanto o presidente da Xunta como o titular da CCDR-N coincidiron na necesidade de traballar xuntos para lograr a máxima captación de novos fondos europeos para avanzar un chanzo máis na cooperación a ambos lados da fronteira.

Plan de Investimentos conxuntos e programa de intercambio de estudantes

Feijóo e Gomes adiantaron que xa se está a traballar na redacción dun Plan de investimentos conxuntos na Eurorrexión, co obxectivo de aprobalo no XI Plenario. O propósito, segundo explicaron, é que as prioridades de investimento sexan “coincidentes” nos dous territorios coas estratexias de especialización intelixente RIS3 de Portugal e Galicia, unha estratexia que no caso da comunidade galega, como lembrou o mandatario autonómico, acaba de ser aprobada hai un mes.

“E imos buscar as principais áreas de desenvolvemento de cooperación territorial para executar os proxectos financiados con cargo aos fondos 2014-2020, co obxectivo de evitar duplicidades e buscar que cada investimento produza a maior eficiencia posible en termos de emprego e en termos de competitividade da economía”, engadiu. Na mesma liña, o mandatario galego e o presidente da CCDR-N abordaron a creación do Erasmus Eurorrexional Iacobus. “Primeiro Iacobus 2014-2015, onde os estudantes poderán ter intercambios entre as universidades da Eurorrexión e, despois, aspiramos a que a partir do curso 2015-2020 se faga extensivo a profesores e a investigadores”.

AECT, Eurocidades e accións turísticas conxuntas Gomes e Feijóo trataron tamén os cambios que deberá de acometer a Agrupación Europea de Cooperación Territorial para adaptarse ao novo marco normativo e orzamentario. E, a este respecto, acordaron establecer un plan de viabilidade económica e competencial que implique a captación de novos proxectos.

No próximo Plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal tamén se deberá votar a inclusión das Eurocidades Chaves-Verín e Tui-Valença como novos membros deste organismo. O presidente galego e o presidente da CCDR-N manifestaron a necesidade de dirixir a colaboración cara á cooperación de proximidade, de aí o seu apoio a iniciativas de institucións locais que se centran nos servizos máis próximos aos cidadáns, na converxencia institucional, económica, cultural e ambiental entre as cidades de ambos os lados da fronteira. No eido do turismo, afondouse no fomento de actuacións conxuntas baixo o lema Dous países, un destino; e no impulso á consolidación do Camiño Portugués a Santiago. A mobilidade entre territorios

Por último, Feijóo valorou a decisión do Goberno portugués de mellorar a mobilidade ferroviaria entre Galicia e Portugal. “É unha excelente noticia que o Goberno portugués teña a disposición 100 millóns de euros, dos cales 35 están xa anunciados para mellorar a liña que une Braga-Valença e, así, buscar e conquerir o obxectivo da electrificación completa desa liña; da rectificación de determinados trazados para que entre os anos 2016 e 2017 poidamos conseguir o obxectivo de conectar Vigo-Porto, nunha hora e 30 minutos e Vigo-Lisboa, en catro horas”, dixo.

Diante desta nova, Feijóo subliñou que para esas datas estará finalizado o Eixo Atlántico, o que permitirá ter un enorme eixo de comunicación ferroviaria entre A Coruña-Santiago-Pontevedra-Vigo-Porto-Lisboa. “Estamos, polo tanto, diante dunha excelente noticia para a Eurorrexión, para España e para Portugal”, insistiu.

Fonte:http://www.noticieirogalego.com/