Oficina CEER
 04-12-2013
O GALEGO, NA VANGARDA DA LINGÜÍSTICA COMPUTACIONAL

Estudan nunha tese os recursos lingüísticos que se precisan para etiquetar estatística e automaticamente corpus en galego.

O galego atópase entre as linguas que teñen recursos computacionais “robustos” e que a sitúan “ na vangarda da lingüística computacional”. Eva Mª Domínguez Noya sostén esta afirmación na súa tese de doutoramento ‘Etiquetaxe e desambiguación automáticas en galego: o sistema XIADA’ baseándose nos datos: o galego posúe un etiquetador morfolóxico automático estatístico de alta precisión, cuxa taxa de acerto se sitúa no 96%, e un corpus etiquetado morfoloxicamente de case 600.000 unidades cun sistema de recuperación de información flexible e cómodo.

A construción de recursos lingüísticos, entre os cales están os corpus, é necesaria en toda lingua para profundar no seu coñecemento, mais tamén é fundamental para o procesamento da linguaxe natural. Nos últimos anos, ademais, as novas tecnoloxías da información xorden como un parámetro máis de clasificación das linguas en función da súa presenza ou ausencia nelas, e o galego non é alleo a esta corrente.

No Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades o catedrático de Lingüística española da USC Guillermo Rojo dirixe un proxecto multidisciplinar cuxo obxectivo é facilitar a recuperación de información do Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA), ademais de por forma ortográfica, por etiqueta morfosintáctica e lema. Resultado dese proxecto é a ferramenta creada especificamente para o galego denominada Etiquetador/Lematizador do Galego Actual (XIADA).

Con este marco de fondo defendeu recentemente a súa tese Eva Mª Domínguez Noya que, desde un punto de vista lingüístico, explica e describe as características dos recursos desenvolvidos para identificar as diferentes unidades léxicas simples presentes nun documento escrito en galego e caracterizalas morfosintacticamente, sen normativizar os textos nin prescindir da análise de elementos marxinais.

‘Etiquetaxe e desambiguación automáticas en galego: o sistema XIADA’ estivo codirixida polo profesor do Departamento de Lingua Española da USC Guillermo Rojo e a profesora do Departamento de Filoloxía Galega M.ª Sol López Martínez. O traballo, que acadou a cualificación de Sobresaliente cum laude, xulgouna un tribunal presidido pola catedrática de Filoloxía Galega Rosario Álvarez Blanco e composto ademais polos profesores Mª Paula Santalla del Río, da USC; Jorge Graña Gil, da Universidade da Coruña; María Taulé Delor, da Universidade de Barcelona; e María Inês Pedrosa da Silva Duarte, da de Lisboa.

Fonte: xornal.usc.es