Oficina CEER
 05-12-2013
PARTICIPACIÓN DA UDC NA CARTA IBEROAMERICANA SOBRE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

O Centro Latinoamericano de Administración para o Desenvolvemento (CLAD), organismo intergobernamental de ámbito iberoamericano no que participan os gobernos da rexión, acaba de aprobar a Carta Iberoamericana dos Dereitos e Deberes do Cidadán en relación coa Administración Pública. O borrador deste documento foi encargado polo organismo internacional ao catedrático da Universidade da Coruña Jaime Rodríguez-Arana, actual presidente do Foro iberoamericano de Dereito Administrativo (FIDA) e director do Grupo de Investigación de Dereito Público Global da Universidade da Coruña.

A Carta Iberoamericana recoñece por primeira vez no Dereito Iberoamericano o dereito fundamental de todo cidadán iberoamericano a unha boa administración pública. Tal e como sinala a Carta, a administración pública debe promover os dereitos fundamentais das persoas fomentando a dignidade humana de forma que as actuacións administrativas harmonicen criterios de obxectividade, imparcialidade, xustiza e equidade, e sexan prestadas en prazo razoable.

O dereito fundamental da persoa a unha boa administración apóiase, segundo a Carta, nunha serie de principios, entre os que se destacan o de servizo obxectivo aos cidadáns, o dos poderes públicos, o de racionalidade, o de igualdade de trato ou o de avaliación permanente da Administración pública. O dereito fundamental á boa administración defínese na Carta como o dereito da persoa a que os asuntos de natureza pública sexan tratados polas autoridades con equidade, xustiza, obxectividade e imparcialidade, e que sexan resoltos en prazo razoable ao servizo da dignidade humana. A Carta establece quince dereitos que integran o fundamental á administración pública, entre os que se atopa o dereito á motivación das resolucións administrativas, o dereito á tutela administrativa efectiva, o dereito á participación na elaboración das normas administrativas, o dereito a coñecer a avaliación da xestión dos órganos administrativos e o dereito ao acceso á información pública de interese xeral.

Fonte: udc.es