Oficina CEER
 11-12-2013
DEZ MEDIDAS PARA MUDAR A COMPETITIVIDADE DO SECTOR FORESTAL

A presentación dun estudo da Fundación Barrié abriu a Semana Forestal Europea no campus de Pontevedra.

Galicia produce máis do 50% da madeira de España, pero só obtén o 13% da facturación que xera este recurso.

O 55% da madeira que se produce en España, sae de Galicia, que, pola contra só representa o 13% do volume de facturación e do número de postos de traballo que xera este sector no conxunto do Estado, como se constata nun informe elaborado pola Fundación Barrié. As conclusións deste traballo, que propón dez medidas para incrementar a competitividade desta industria, como fomentar o asociacionismo, combater o abandono dos montes ou a creación dun consello de investigación forestal que vertebre o I+D+i nun sector "moi importante en termos de emprego e sociais", foron presentadas este martes na Escola de Enxeñaría Forestal, no que foi o primeiro dos actos organizados con motivo da Semana Forestal Europea.

Coa colaboración de Confemadera Galicia, a Confederación Galega de Empresarios da Madeira, e da propia Fundación Barrié, esta Semana Forestal deu comezo cunha conferencia titulada Como mellorar a capacidade forestal de Galicia?, na que Ana José Valera, directora xeral de Investimentos da Fundación Barrié e Alberte Piñeiro, membro da xunta directiva da asociación de bolseiros desta institución, presentaron as conclusións dun informe elaborado, segundo relataron, a petición do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo.

Porque o forestal é, como subliñou o director do centro, Enrique Valero, un dos “sectores estratéxicos para o futuro de Galicia”, dada a súa vinculación ao que se coñece como “economía verde” e as súas “tremendas” potencialidades de desenvolvemento. De aí que incidise na importancia dun estudo que busca coñecer “como desbloquear” o sector en Galicia.

Un problema de “rendemento forestal”
Preto de 70.000 empregos están ligados nesta autonomía a un sector que supón aproximadamente un 3% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia, como sinalou Ana José Varela, quen explicou que o obxectivo do informe que o pasado mes de xullo presentaron ao Goberno galego é buscar como “duplicar” esa contribución ao PIB.

Porque en Galicia, relatou, existe un 30% de superficie forestal desaproveitada, unha “porcentaxe moito máis elevada ca de calquera outro país”. Prodúcese pois un “problema de rendemento forestal” no que inflúen factores como o minifundismo, un sector do moble “pouco competitivo” ou o problema dos incendios nos montes, que está ligado precisamente a cuestión empresarial. De feito, arden “principalmente as zonas onde o bosque é pouco rendible”, subliñou Varela, quen incidiu en que o 60% dos lumes concéntranse nun 10% das parroquias.

Para mudar esta situación e promover “un cambio relevante no sector forestal”, propóñense neste informe dez medidas cuxo impacto económico foi cifrado en 2700 millóns de euros. Así mesmo, estiman os seus responsables que cun investimento de 485 millóns poderíanse xerar aproximadamente 21.000 postos de traballo ao longo da cadea produtiva vinculada á madeira.

Cooperación fronte ao minifundio
Estas medidas abordarían cuestións como combater o “minfundismo” promovendo a cooperación local e mellorando “o atractivo” desa cooperación. A este respecto, Alberte Piñeiro sinalou a necesidade de abordar medidas no ámbito da fiscalidade, dado que actualmente un vendedor que forme parte dunha asociación paga máis tributos que un individual, segundo relatou.

O terceiro piar desta relación sería “combater o abandono do monte”, levando a cabo iniciativas como a desgravación do IRPF por investimentos neste eido ou a bonificación do imposto de doazóns polas parcelas, para así incentivar o relevo xeracional. Así mesmo, Piñeiro tamén recalcou a necesidade de instruír procedementos sancionadores ás persoas propietarias de terras abandonadas que non optasen nin pola asociación ou a cesión, dado que isto trae consigo un problema “gravísimo” como son os incendios forestais.

No relativo á xestión, este informe defende promover unha maior eficiencia nas comunidades de montes veciñais, impulsar “novos usos” do bosque e mellorar o nivel de certificación da madeira, que actualmente é só do 7% en Galicia.

Outro dos piares deste informe é promover un I+D+i “eficiente”, o que podería constituír o “gran impulso do sector”, na opinión de Piñeiro. De aí que entre as propostas defendidas neste informe estea a creación dun consello de investigación forestal, coordinado pola Xunta, no que estean representados os diferentes axentes do sector, tanto públicos como privados.

Incrementar a transparencia na comercialización, fomentar a demanda de novos produtos e a diminución das barreiras administrativas son, por último, outras das medidas para fomentar a produtividade do “único que non é deslocalizable”, o monte, como engadiu a continuación Elier Ojea, presidente de Confemadera. Por iso, recalcou a “necesidade de concienciación” respecto da importancia que ten o desenvolvemento sostible do sector forestal na autonomía, tendo en conta ademais que, no ano 2020, “existirá un déficit de madeira en Europa”.

Intensa actividade na Semana Forestal Europea Unha visita a un serradoiro completou esta primeira xornada da Semana Forestal Europea na escola pontevedresa. Este mércores, o centro acollerá a presentación dun estudo de KPMG sobre as repercusións sociais, ambientais e económicas da fábrica de ENCE; mentres que o xoves o alumnado visitará unha piscifactoría e unhas obras hidráulicas e o venres desprazaranse ata as Fragas do Eume e o Monte Forgoselo.

Fonte: duvi.uvigo.es