Oficina CEER
 16-12-2013
CHEGA A SANTIAGO UNHA EXPOSICIÓN QUE CONCIENCIA SOBRE A IMPORTANCIA DA CONSERVACIÓN DA BIODIVERSIDADE VEXETAL

Galicia e o Norte de Portugal constitúen un único espazo ambiental e cultural onde a biodiversidade vexetal é basicamente idéntica. O conxunto da flora do ámbito galego-norportugués supera os 3.000 taxóns, con moitas especies e subespecies exclusivas ou coa súa área de distribución centrada nestes territorios. Na actualidade, eses hábitats naturais sofren un proceso acelerado de degradación que leva a que numerosas especies teñan un futuro gravemente comprometido. E dado que as ameazas son semellantes a ambos os dous lados da fronteira, os retos para a conservación son tamén comúns.

Así é como nace o proxecto BIODIV, financiado no marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, que pretende dar os primeiros pasos para a confrontación común dos desafíos que representa a conservación da flora é pór en contacto os diferentes estamentos e persoas involucrados na conservación da flora a ambos os dous lados da fronteira.

Precisamente ao abeiro deste proxecto, e coa finalidade de construír unha sociedade menos vulnerable ante a degradación ambiental, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas pon en marcha unha exposición itinerante dirixida a institutos de secundaria de Galicia e Norte de Portugal que este luns 16, e ata o venres 20, se pode visitar no Claustro do Colexio de Fonseca.

A exposición itinerante esta composta por 9 paneis informativos que á vez que dan a coñecer o valor da biodiversidade e informan sobre as especies ameazadas buscan promover entre o alumnado a concienciación sobre a necesidade de conservar as especies vexetais. Esta exposición física complétase cunha exposición virtual con diferentes materiais e recursos, cuxos contidos son froito da colaboración da Universidade de Santiago de Compostela.

Proxecto colaborativo
Aínda que na actualidade existe numerosa información relevante para a conservación das especies ameazadas, moita está dispersa ou enclaustrada en publicacións. É por iso que o proxecto buscou a posta en común de toda esa información a través dunha rede colaborativa (www.biodiversidade.eu) que se presentará aos medios de comunicación o vindeiro xoves 19.

Fonte: xornal.usc.es