A Vicerreitoría de Relacións Internacionais e Cooperación organiza o vindeiro martes, 11 de febreiro, o primeiro International Day da Universidade da Coruña, no espazo Finder do Pavillón de Estudantes, no Campus de Elviña.
A vicerreitora Natalia Álvarez abrirá o International Day ás 10:15h que ten como obxectivo explicar os programas de mobilidade que ofrece a Universidade da Coruña para que os estudantes realicen parte da súa formación ou prácticas profesionais no estranxeiro. Ao longo de toda a mañá os asistentes recibirán información de diversos coordinadores da área internacional dos centros universitarios, así como das oportunidades laborais nas institucións europeas que se tramitan a través do equipo de Europe Direct da Deputación da Coruña.
A xornada inclúe tamén a participación da directora Internacional do Instituto Tecnolóxico de Monterrey, México, María Gómez-García, e da profesora da Université de Valenciennes et du Hainaut-Cambrésis, Francia, que explicarán como funcionan as mobilidades internacionais nas súas respectivas universidades.
Máis información en http://bit.ly/1fu9eKD