Investigadores de Enxeñaría Telemática participan nun proxecto nacional sobre e-saúde.
O grupo vigués tentará sacar partido das TIC para facer servizos de valor engadido para doutor e paciente.
Investigadores do grupo de Enxeñaría Telemática da EE de Telecomunicación están a participar nun proxecto nacional liderado pola universidade alacantina Miguel Hernández no que van desenvolver un sistema de control a través de códigos QR, códigos de barras bidimensionais de lectura rápida, para os alimentos que se subministran a pacientes por vía intravenosa. Trátase, entre outros moitos aspectos, de conseguir que os facultativos poidan coñecer, con só achegar o seu dispositivo móbil, a composición dos alimentos e os medicamentos parenterais que reciben aqueles enfermos que non poden alimentarse polo estómago.
A participación dos enxeñeiros vigueses no proxecto xurde despois de numerosas colaboracións con grupos de traballo do ámbito clínico e da saúde de todo o país. “Somos un grupo que levamos moito tempo traballando coas denominadas e-tecnoloxías”, subliña o profesor Luis Álvarez-Sabucedo, un dos docentes implicados no proxecto e investigador de AtlantTIC, ao tempo que explica que nestas redes de traballo decatáronse de que aplicando tecnoloxías de base telemática a procesos de trazabilidade e xestión da calidade dos produtos de alimentación parenteral se poden conseguir grandes resultados.
Universidades e hospitais nun proxecto a tres anos
O proxecto, liderado dende a UMH polo profesor de Historia da Ciencia, Javier Sanz Valero, alongarase tres anos e durante ese período agardan crear unha gran base de datos con información que despois cruzarán para que o especialista poida ter, de xeito sinxelo e desde o seu propio dispositivo móbil, toda a información da historia clínica do paciente.
Xunto á Universidade Miguel Hernández e Vigo, no proxecto participan tamén investigadores da Universidad de Granada, así como persoal clínico de tres hospitais universitarios: o Complejo Hospitalario Universitario de Vigo, General de Alicante e o Son Espases de Mallorca.
Intelixencia artificial aplicada á saúde
Baixo o título Tecnoloxías de recoñecemento óptico aplicadas á Trazabilidade e Análise de Perigos e Puntos Críticos de Control (Appcc) das mesturas de nutrientes parenterais, os investigadores tratarán de aplicar técnicas doutros ámbitos, como a intelixencia artificial e a web semántica, para xerar novos contidos. “Consiste en ser capaces de identificar, onde non había un patrón, que tipos de pacientes son estatisticamente máis proclives a segundo que situacións”, recalca Álvarez Sabucedo, que insiste en que o obxectivo é, precisamente, compilar información deses procesos de calidade para despois poder procesala e extraer conclusións que reduzan posibles riscos para o paciente e fagan máis eficaz todo o proceso.
“Ímonos encargar do desenvolvemento de diferentes interfaces sen fíos para logo poder ser quen de identificar eses patróns”, subliña o investigador, que explica que a idea deste grupo de traballo é sacar partido das TIC para facer servizos de alto valor engadido para o paciente. “A día de hoxe estanse a popularizar cuestións como pedir cita por Internet, consultar os perfís de pacientes en liña… e trátase de sistematizar todo isto e ir aplicando todas estas melloras en beneficio do paciente…”, recalca.
Por que Códigos QR?
Elixiron como soporte para recompilar a información os Códigos QR por ser unha tecnoloxía aberta e accesible que, polos estudos previos que se fixeron desde o grupo, consideraron se axusta moi ben ao tipo de estudo que se vai pór en marcha, “xa que é moi práctico, moi sinxelo e moi funcional” pero o equipo de enxeñeiros vigueses non descarta empregar outros soportes telemáticos para a adquisición e procesado deses datos. “O importante é compilar os datos da maneira máis completa, menos molesta e máis sistemática posible para despois ser capaces de tratalos de maneira interesante e atopar patróns onde aparentemente non os hai para identificar tendencias e ser capaces de previr situacións que poidan acontecer”, recalcou Álvarez Sabucedo.
A aplicación das TICs ao ámbito da saúde é, a xuízo destes expertos, un campo cun enorme potencial e por iso é unha das liñas de traballo na que o grupo está a investir máis esforzos . “É un campo onde aínda non están moi introducidas as facilidades que dá o uso de plataformas telemáticas”, explica o docente, que fai tamén fincapé en que “a medio e longo prazo poden acadarse solucións punteiras ”.
Fonte: duvi.uvigo.es