A Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña organiza hoxe, mércores 19 de febreiro, ás 16:30 horas, unha actividade dentro do ciclo de voluntariado ambiental que ten como prato forte a proxección de Trashed. O documental, protagonizado por Jeremy Irons, aborda os problemas que ten o mundo civilizado cos residuos, os vertedoiros e as incineradoras.
Tras a película, que se proxectará no salón de actos da Facultade de Ciencias, abrirase un debate sobre a problemática do lixo, para rematar a actividade cunha visita ao proxecto de compostaxe que ten a propia Universidade da Coruña, que recolle de xeito separado os residuos orgánicos de tres comedores universitarios. Os participantes nesta actividade coñecerán o centro de tratamento da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica, un dos tres que existen actualmente na UDC e que recolle o lixo directamente da cafetería.
O obxectivo desta actividade é dar a coñecer a compostaxe, unha forma de reciclar a materia orgánica e reducir o volume de lixo xerado. Isto contribúe á minimización da contaminación e dos problemas asociados á xestión de residuos como o cambio climático, dioxinas ou ruídos, e ademais, permite pechar o ciclo da materia orgánica na natureza.
Fonte: udc.es