O CLAUSTRO UNIVERSITARIO APROBA A RETIRADA DAS LIÑAS XERAIS DO ORZAMENTO DA USC PARA 2014
O Claustro Universitario deu o seu respaldo ás dúas emendas á totalidade presentadas fronte ás Liñas Xerais do Orzamento da USC para 2014. As dúas emendas, votadas de xeito conxunto, recibiron 92 votos a favor, fronte os 49 concedidos ao documento presentado polo equipo de goberno e outros 9 emitidos en branco. A decisión supón a prórroga das contas da USC.
O documento presentado fixaba que os presupostos da USC para este ano ascenderan a 214,5 millóns de euros, o que representaba unha diminución de 14,34 millóns en relación ao ano 2011 –e xercicio dende o que están prorrogadas os orzamentos da USC. O importe incluía a diminución do Plan de Financiamento do SUG para 2013 e que se mantén en 2014, da recadación por taxas e a propia situación económica da USC dende hai anos.
Como se recolle no documento presentado no Claustro Universitario, “resulta evidente que historicamente o financiamento das universidades galegas en xeral e da USC en particular segue sen constituír unha prioridade nos ámbitos da valoración de retornos que as universidades están a achegar á sociedade”. Neste senso, obsérvase xa dende o ano 2009 unha importante diminución dos ingresos non financeiros da Comunidade Autónoma para este capítulo.
Informe do reitor
O reitor Juan Casares anunciou na presentación do seu informe ante o Claustro Universitario que non concorrerá ao proceso electoral que proximamente se vai celebrar na Universidade de Santiago para a elección de reitor/a e de representantes en Claustro. En paralelo con este anuncio, agradeceu a implicación dos/as claustrais que colaboraron nestes anos dun xeito activo e a través da crítica no goberno da institución académica e lembrou que na súa etapa á fronte da USC asumiu un compromiso persoal de ser un reitor próximo e sobre todo “ao servizo da Universidade”.
No seu informe, Casares Long fixo un percorrido polos acontecementos máis salientables do pasado ano no que respecta á docencia e a investigación. A recente aprobación dos Estatutos da USC, publicado en DOG o pasado 12 de febreiro, a concesión dun contrato Advanced Grants ao profesor José L. Mascareñas ou o a coordinación do proxecto europeo LaserPET foron algúns dos aspectos contidos nesta presentación.
Casares Long lembrou que o volume de financiamento captado polos grupos de investigación da USC nos últimos anos, a pesar do actual contexto económico, representa máis do 50% dos recursos acadados polas tres universidades galegas. Neste mesmo contexto, a Universidade de Santiago de Compostela atópase no segundo posto das universidades españolas con máis persoal incluído no listado de investigadores altamente citados de todo o mundo que elabora Thomson Reuters. Tamén destaca o oitavo lugar, de entre as institucións de ensino superior españolas, acadado no ránking 2013 da National Taiwan University que compara a calidade e cuantifica os traballos científicos de cada universidade.
Respecto do Campus de Lugo sinalou a próxima posta en funcionamento do grao en Xestión de Pequenas e Medianas Empresas ou o desenvolvemento do plano estratéxico de Campus Terra, concepto co que se pretende dotar ao Campus de Lugo dunha identidade científica propia que incremente a súa visibilidade e permita aproveitar todo o seu potencial para actuar como motor de cambio na súa contorna a nivel social, económica e territorial.
Informe do Valedor
O Valedor da comunidade universitaria, Miguel Alcaraz, presentou o seu informe correspondente aos cursos 2011-2012 e 2012-2013, nos que se rexistraron un total de 65 queixas no primeiro caso e 63 no segundo. A maioría das presentadas en 2011-2012 correspóndense a estudantes (45), seguidos do persoal docente e investigador (17) e ao de administración e servizos (3). Matrícula, procesos de selección de persoal, planos de estudos e validación ou avaliación académica son os temas que rexistraron un maior número de consultas. Como sinalou o Valedor, o 77 por cento dos casos foi tramitado antes do prazo de dous meses.
Polo que respecta ao curso pasado, a maioría das queixas volveron proceder do sector do alumnado (55) seguido do persoal docente e investigador (6) e do de administración e servizos (1), así como unha de oficio pola situación socioeconómica que “na actualidade está a producir que algunhas familias se atopen inmersas nunha precaria posición económica que mesmo pode producir que estudantes queden excluídos/as do estudo na Universidade”, sinalou no seu informe o profesor Alcaraz.
O 83% dos casos presentados tramitáronse antes do prazo de dous meses. Matrícula, planos de estudos e validación, docencia e 3º Ciclo, posgrao e formación continua foron os eidos nos que se concentra un maior número de consultas. En termos xerais, o Valedor valora como positivo e razoablemente bo o funcionamento da USC. Respecto das validacións de materias que solicita o alumnado, un “problema obxecto de queixas que se prolonga no tempo”, o Valedor relaciónao non tanto co contido das resolucións senón coa demora da tramitación. Neste senso, o Consello Goberno aprobou na súa última xuntanza o Protocolo de Validacións e Recoñecementos no que se recollen medidas correctoras na procura de solucionar ou minorar a problemática exposta.
Fonte: xornal.usc.es