Oficina CEER
 27-02-2014
I+D PÚBLICA-PRIVADA PARA ACADAR ESTRADAS MÁIS SEGURAS CUN MENOR CUSTE

O proxecto Sitegi foi financiado con máis de 3,6 millóns de euros.

Desenvolto por investigadores do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas en colaboración con cinco empresas.

Puxéronse mans a obra en outubro de 2010 cun orzamento de algo máis de 3,6 millóns de euros e tres anos despois o resultado é un vehículo de mapeado móbil, un coche similar ao que utiliza Google para tomar as imaxes da súa ferramenta ‘street view’ pero con aplicacións tecnolóxicas que actúan con precisión centimétrica. É a cara máis visible de Sitegi, un proxecto de investigación desenvolto polos investigadores do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas en colaboración con cinco empresas galegas dos ámbitos da construción e a enxeñaría, e que agora pon sobre a mesa un equipo de tecnoloxías que melloran a seguridade nas estradas e reducen considerablemente os custes de mantemento.

A presentación do prototipo tivo lugar este martes na ETSE de Minas, onde se reuniron o director da escola, Benito Vázquez; os investigadores implicados no proxecto e os representantes das cinco empresas galegas que dende o inicio apoiaron a posta en marcha da investigación: Insitu Ingeniería, Lógica, Extraco, Enmacosa e Misturas. O investigador Higinio González explicou que o proxecto se puxo en marcha centrado en temas de mantemento viario, dado o escenario de escaseza de recursos económicos, “onde non é probable que se poñan en marcha novas obras e onde resulta básico manter en bo estado a actual rede de estradas”.

Entre outros lugares o prototipo foi empregado xa na rehabilitación da ponte romana de Lugo e na construción da autovía Ourense Celanova. Diagnóstico real e ao instante
Tras tres anos de intenso traballo, os principais fitos acadados por Sitegi consistiron no desenvolvemento dun vehículo de mapeado móbil, ao que o investigador se referiu como “unha unidade de inspección de estradas que permite realizar inspeccións e inventarios detallados de infraestruturas facilitando á toma de decisións ao respecto de si realizar ou non unha rehabilitación e un mantemento na vía”, e o desenvolvemento de toda unha serie de aplicacións informáticas que permiten a consulta e interpretación da información proporcionada polos sensores xeomáticos.

Entre os equipos que se instalaron no vehículo os investigadores destacaron un equipo de posicionamento por satélite, escáner láser,cámaras de vídeo para imaxes termográficas, un sistema de visión multicámera, xeorradar ou un perfilómetro láser capaz de determinar diferentes tecnoloxías no pavimento. Todos os datos compilados por esta tecnoloxías pasan despois a unha base xeorreferenciada nun ordenador central grazas ao deseño dun software de control que sincroniza todos os sistemas e que permite establecer un diagnóstica da situación real de cada infraestrutura.
“Exemplo claro de transferencia de tecnoloxía”
“Exemplo claro de transferencia de tecnoloxía”, como subliñou o director da escola, o proxecto está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Feder, dentro do Programa Operativo Fondo Tecnolóxico 2007-2014, o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial, CDTI e as empresas participantes. Neste senso Javier Prego, enxeñeiro do Departamento de I+D+i da construtora ourensá Misturas, exerceu na presentación como portavoz das empresas galegas implicadas nun proxecto que puxo como exemplo de colaboración público-privada “con moi bos froitos para todos”, como subliñou tamén o director da ETSE de Minas, que agradeceu “a confianza que o sector empresarial está a depositar nos investigadores da escola e da Universidade en xeral”.

Relacionadas as cinco empresas implicadas no proxecto co mundo da obra civil, Prego explicou como grazas aos equipos que hoxe se presentaron “logramos ter tecnoloxía punta e que está ao servizo do control das obras, sobre todo en Galicia, pero tamén axudándonos a abrir mercado e buscar contactos no estranxeiro”. Esta mellora substancial na competitividade chega, segundo expuxo Prego, “nun intre no que traballar no noso país está especialmente complicado”.

Principais destinatarios
Entre os principais destinatarios destas novas tecnoloxías, os investigadores destacaron o importante papel que xogará neste senso a Administración Publica, xa que se trata de equipos que permiten tanto controlar de maneira exhaustiva a construción dunha obra nova como o seguimento detallado de infraestruturas que xa están en servizo. “Facilitan, por exemplo o control do uso diario das estradas e dos diferentes problemas que se derivan del, así como detectar a existencia de rodeiras ou fochancas nas capas de rodadura” , explicou o portavoz das empresas, que explicou que na actualidade os controis fanse empregando criterios que son sobre todo subxectivos e que dependen “de operarios que non sempre teñen os coñecementos nin a capacidade para detectar todos os erros que se poden atopar”.

Rematado xa o proxecto como tal, os investigadores pensan xa en novas aplicacións que poderían atoparse tanto no mundo portuario como tamén no mantemento ferroviario.

Fonte: duvi.uvigo.es