Oficina CEER
 02-04-2014
O CAMPUS DE LUGO CONVERTERASE NUN REFERENTE EUROPEO NA INVESTIGACIÓN VETERINARIA COA CONSTRUCIÓN DUN NOVO CENTRO DE BIOMEDICINA NO ROF CODINA

O Campus de Lugo contará cun novo Centro de Investigación en Biomedicina e Veterinaria (CEBIOVET) que converterá ó Hospital Universitario Rof Codina nun referente na investigación en animais grandes e medianos. As obras contemplan a ampliación dos actuais pavillóns e a construción dun novo, conectados entre si a través de corredores cubertos. En total suman 4.732 metros cadrados dedicados á investigación en bioveterinaria.

Neste senso Xunta de Galicia e a Fundación Rof Codina asinaron un convenio de colaboración para o financiamento con 4,5 millóns de euros do novo edificio, único das súas características en España.

O CEBIOVET será empregado polos grupos de investigación da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo e facilitará a acreditación europea deste centro ao cumprir cos estándares de calidade máis exixentes. O centro servirá para a formación de persoal altamente especializado en medianos e grandes animais e permitirá abrir novas liñas de investigación, así como novas oportunidades docentes en áreas como a xenética, a farmacoloxía, a fisioloxía, a cirurxía, a inmunoloxía, a nutrición ou a medicina clínica.

A construción deste novo centro, que finalizarán en 2015, vén a reforzar a aposta pola investigación en biomedicina e veterinaria no Campus de Lugo e propiciará a colaboración coas empresas do sector así como con outros centros de investigación europeos.

Fonte: xornal.usc.es