Oficina CEER
 09-04-2014
GERARD ORRIOLS, GAÑADOR DA XXV OLIMPÍADA ESPAÑOLA DE FÍSICA

O alumno da Aula Escola Europea, de Barcelona, Gerard Orriols, resultou vencedor na XXV Olimpíada Española de Física que tivo lugar na Universidade da Coruña estes días. En segunda posición quedou Raúl Alonso, do IES Carlos Casares de Vigo. Estes dous estudantes, xunto con Damiá Torres, IES Guadassuar de Valencia, Luis Sánchez, Colexio Retamar de Madrid, e Víctor Guío, do IES Gran Capitán de Madrid, representarán a España na 45 Olimpíada Internacional de Física que terá lugar en xullo en Astaná, Kazajstán. Jorge Estrada, do Centro de Estudios Castroverde de Santander; Álvaro Rodríguez, do IES San Mateo de Madrid, Carlota Corbella, da Aula Escola Europea de Barcelona, e Oriol Frigola, do IES S’Agulla de Blanes (Girona) quedaron entre o sexto e o noveno posto e polo tanto serán os representantes españois na XIX Olimpíada Iberoamericana de Física, que terá lugar en setembro en Asunción, Paraguay.

O tribunal de profesorado designado pola Comisión das Olimpíadas da Real Sociedade Española de Física entregou ademais, destas nove medallas de ouro, vinte medallas de prata, unha delas ao alumno do Colexio Manuel Peleteiro, de Santiago de Compostela, Adrián Grille; e trinta medallas de bronce, entre elas ao estudante Joaquín Vila, do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, Carmen Jorge, do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, e Alberto Rey, do IES Eusebio da Guarda da Coruña.

Finalmente, distinguíronse con mención e honra a 34 estudantes, dos que tres son galegos: Álvaro Ortega, do Colexio Internacional de Eirís da Coruña; Jaime Fernández, do Colexio Salesianos María Auxiliadora de Vigo, e Axel Afonso, do Colexio Los Sauces de Mos, Vigo. Un total de 140 estudantes de bacharelato e formación profesional realizaron este sábado as probas prácticas e teóricas que levaron a obter estes resultados, cun alto nivel de coñecemento segundo destacaron os profesores encargados de avaliar os exames, de feito, o gañador obtivo preto de 46 puntos sobre un máximo de 50. A entrega dos premios tivo lugar esta mañá na Reitoría da Universidade da Coruña, nun acto presidido polo reitor, Xosé Luís Armesto, e que contou coa presenza da directora do Centro Nacional de Investigación e Innovación Educativa, María Rodríguez, o secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, o secretario da Real Sociedad Española de Física, José María Pastor, e o responsable da Olimpíada Española de Física na Universidade da Coruña, Óscar Cabeza.

O reitor felicitou aos gañadores e a todos os participantes nestas probas xa que este grupo son os mellores alumnos de Física de España, e explicou a clave do seu éxito que, tanto no estudo como na investigación, se basea en “talento e esforzo persoal”. Armesto tamén tivo palabras de recoñecemento para o profesorado. “Detrás dun bo discípulo soe haber un bo mestre. Por fortuna, de bos profesores temos un rico catálogo nos colexios e institutos de toda España, aínda que non sempre o sistema educativo os apoie nin se lles recoñeza a grandeza do seu traballo anónimo”, dixo.

Armesto agradeceu o esforzo do profesor Óscar Cabeza na organización na Universidade da Coruña da fase final destas olimpíadas, así como á Real Sociedad Española de Física pola realización da edición número 25. O reitor lembrou que a Universidade da Coruña cumpre tamén este ano o seu 25 aniversario. “Compartimos percorrido vital ao longo dunha época clave para a consolidación das universidades públicas, que atenden ao dereito básico á educación superior, e para o extraordinario despegue da ciencia española”, manifestou.

Fonte: udc.es