Oficina CEER
 11-04-2014
REITORES DE UNIVERSIDADES ESPAÑOLAS E PORTUGUESAS REIVINDICAN A IMPORTANCIA DA AUTONOMÍA UNIVERSITARIA

Demandan dos respectivos gobernos e parlamentos estratexias e iniciativas que sitúen á Península Ibérica como “espazo de referencia internacionalmente atractivo” para a educación superior, a investigación e a innovación.

Reitores e reitoras de universidades españolas e portuguesas reivindican “a importancia da autonomía universitaria para responder axeitadamente á situación de gran complexidade actual, tanto para enfrontarse a unha situación de diminución do financiamento público, como para aproveitar as oportunidades emerxentes a escala global”.

A reivindicación quedou reflectida nun manifesto elaborado no cuarto encontro da Conferencia de Reitores de Unidades Españolas (CRUE) e do Consello de Reitores das Universidades Portuguesas (CRUP), reunidos a comezos desta semana en Minho e no que tamén se deixa constancia da “disposición e o interese en profundar na cooperación entre as universidades españolas e portuguesas no ámbito de programas de cooperación”. Nesta mesma liña, as institucións de ensino superior tamén manifestaron o seu compromiso co “desenvolvemento efectivo e concreción das estratexias de especialización intelixente, en particular no ámbito do desenvolvemento rexional e de iniciativas interrexionais”.

No encontro, os representantes universitarios coinciden en solicitar dos respectivos gobernos e parlamentos o desenvolvemento de estratexias e iniciativas conxuntas que permitan “situar á Península Ibérica como un espazo de referencia internacionalmente atractivo para a educación superior, a investigación científica e a innovación”. Ao mesmo tempo, mostran a súa “total dispoñibilidade para traballar conxuntamente neste obxectivos”.
Como tamén se puxo de manifesto, a Universidade constitúe o núcleo central dos sistemas científicos e de innovación nacionais “e, como consecuencia, da creación de riqueza dunha economía baseada no coñecemento, polo que deben ser consideradas como elementos estruturais da actividade de investigación e desenvolvemento tecnolóxico dos seus países”. A xuntanza celebrado na Universidade de Minho os pasados días 7 e 8 permitiu analizar a situación actual da educación superior nos respectivos países no contexto dos desafíos europeos e globais.

Fonte: xornal.usc.es