Oficina CEER
 11-04-2014
PREMIO AO ESFORZO, AO MÉRITO E Á CAPACIDADE DO NOVO ALUMNADO

Todos acaban de comezar o seu periplo na Universidade, teñen entre 18 e 19 anos e un expediente académico que roza a perfección. Son os 45 mellores alumnas e alumnos de novo ingreso e hoxe recibiron un agarimo da Universidade que elixiron para formarse como profesionais, cadanseu iPad “co que facervos máis doado o traballo e tamén o voso tempo libre”, subliñoulles durante a entrega o reitor, Salustiano Mato, que, aproveitou o acto para recordarlles que son o “leiv motiv da Universidade” e tamén para darlles as grazas “por ternos escollido”.

Chegados de toda Galicia son 23 mozos e 22 mozas cunha nota media superior ao 9 ou gañadores dalgunha das Olimpíadas Científicas do curso pasado e preto do 60% elixiron o mundo da enxeñaría como futuro profesional. Tecnoloxía de Telecomunicacións, Enerxía, Mecánica, Tecnoloxías Industriais, Organización Industrial, Electrónica... “Por qué o fixemos? Porque nos gusta e tamén porque pensamos que a tecnoloxía é unha boa porta de entrada cara o mundo laboral”, subliñaba Eva Álvarez, estudante viguesa que á hora de decidir optou por Enxeñaría da Enerxía. Asistiu ao acto acompañada por un grupo de amigos “tamén vigueses e tamén premiados”. Iago Álvarez estuda Tecnoloxías Industriais; Brais Armiño, Enxeñaría da Enerxía e Carlota Sánchez, Recursos Mineiros e Enerxéticos.

Coa experiencia xa do primeiro cuadrimestre ás costas e metidos de cheo na preparación dos exames do segundo, téñeno claro “a enxeñaría non é un oso tan duro de roer” e, ao seu xuízo, a clave está “en levar as cousas ao día”, subliña Álvarez, ao que Armiño engadiu que “o máis importante é entender as cousas, para saber o que estás a facer e como facelo”. Son conscientes de que o futuro profesional non é doado, “a min non me importaría marchar fóra”, subliña Álvarez, ao que Armiño engade que “investigar fóra si, pero para despois volver a traballar en España”.

“Son titulacións que tradicionalmente teñen un índice de dificultade elevado e para nós é unha excelente noticia que haxa tantos estudantes de alto nivel que as elixan”, subliñou Mato, que recalcou tamén que este tipo de alumnos son “moi cobizados”.

Sen “fórmulas máxicas” para notas medias de 10 Aos 26 estudantes que elixiron algunha das ramas da enxeñaría súmanse outros 19 con opcións moi variadas: Tradución e Interpretación, Enfermaría, Bioloxía, Linguas Estranxeiras, Educación Infantil, Ciencias Ambientais, Dereito, Comunicación Audiovisual... Cunha nota media de 10, María Silveira, de Mos, dubidou ata última hora entre Medicina e Bioloxía. “Ao final inclineime por Bioloxía e penso que fixen ben, para Medicina non tiña a vocación necesaria”, subliñou intres antes de recoller o seu iPad. “Bioloxía estame a gustar moito”, subliñou satisfeita coa decisión que tomou, ao que engadiu que “oxalá no futuro me poida dedicar á investigación”.

Ana Souto, Premios Extraordinario de Bacharelato, decantouse por Tradución e Interpretación. Desde o seu punto de vista non hai ningunha “fórmula máxica” para acadar bos resultados, só unha combinación de “traballo, constancia e gañas de aprender e de superarse a un mesmo”. No futuro gustaríalle ser docente de Ensino Secundario, mentres que a súa compañeira Alba Quintairos, outra das galardoadas, prefire “dedicarme á tradución propiamente dita”.

Un consello: “esquecerse do expediente e centrarse en gozar co que se fai” Durante o acto, celebrado na sala I do Edificio Miralles, o vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, Ignacio Barcia, apelou tamén á responsabilidade destes novos talentos. “Sodes un valor que nos enriquece a todos pero tamén esperamos moito de vós”, subliñoulles Barcia, que lles recalcou a importancia de que sirvan de estímulo para os seus compañeiros e tamén para os docentes, “pois é indubidable que os mellores alumnos fan tamén mellores mestres”.

Pouco dados a aconsellar, algún si que se animou “esquecerse do expediente e centrarse en gozar co que se fai, as boas notas chegarán co tempo”, subliñou Marco Paradela, Premio Extraordinario de Doutoramento e estudante do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxía de Telecomunicacións.

Fonte: duvi.uvigo.es