Oficina CEER
 21-04-2014
COMEZA O PERIODO DE HORARIOS EXTRAORDINARIOS NAS BIBLIOTECAS DA USC DURANTE OS EXAMES
Os usuarios dispoñen da conta en Twitter @BUSCHorarios para consultar horarios, centros abertos e nivel de ocupación.

Este luns 21 comeza o período de horarios extraordinarios das bibliotecas e salas de lectura da USC para os exames. A programación extraordinaria do segundo semestre ten por obxectivo optimizar a oferta de postos adecuándoos á demanda existente. De feito, a Biblioteca Universitaria negociou con representantes do alumnado os centros e horarios de apertura deste calendario extraordinario, tendo en conta o calendario de exames e a experiencia de anos anteriores.

Como novidade e atendendo ás demandas do alumnado a Sala de Lectura da Facultade de Farmacia permanecerá aberta as 24 horas do día dende o 21 de abril ata o 11 de xullo. Pero ademais a Biblioteca Intercentros de Lugo, a Biblioteca Concepción Arenal, a Biblioteca Xeral e a da Facultade de Ciencias Económicas realizarán horarios especiais durante o período de exames.

Dende o 21 ata o 30 de abril as Bibliotecas Concepción Arenal en Santiago e Intercentros en Lugo abrirán de luns a venres en horario de 8.30 a 3.00 da madrugada, e as fins de semana e festivos dende as 10.00 da mañá ata as 3.00 da madrugada. Pola súa banda a Biblioteca da Facultade de Ciencias Económicas abrirá en horario habitual durante a semana e as fins de semana de 10.00 a 22.00 horas. Estas bibliotecas manterán este horario durante o mes de maio, incluíndo os festivos que abrirán de 10.00 a 3.00 horas e ás que se lles sumará a Biblioteca Xeral cun horario extraordinario de luns a venres de 8.30 a 3.00 da madrugada.

Durante a primeira quincena de xuño só permanecerá con este horario extraordinario a Biblioteca Intercentros e o resto dos centros farán o seu horario habitual a excepción da Sala de Lectura de Farmacia que permanecerá aberta as 24 horas do día. Xa na segunda quincena de xuño retoman o horario extraordinario -de 8.30 a 3.00 da madrugada de luns a venres e de 10.00 a 3.00 as fins de semana e festivos-, tanto Intercentros como Concepción Arenal.

Co comezo do mes de xullo a apertura de Intercentros e Concepción Arenal retrasarase ata as 9.00 da mañá e a partir do día 7 de xullo só o centro lugués permancerá aberto ata as 3.00 da madrugada. Nos restantes puntos de servizo da Biblioteca Universitaria manterase o horario habitual. As persoas interesadas poden manterse informadas dos horarios, centros abertos e nivel de ocupación a través dunha nova conta de twitter aberta especificamente para esta cuestión @BUSCHorarios.

Ata 354 días o ano de apertura
As bibliotecas da USC manteñen un horario habitual dende as 8.30 horas da mañá ata as 21.30 da noite de luns a venres cunha oferta de 6.593 postos de lectura individuais, rexistrando a maior ocupación durante os meses de maio, xuño e xullo, motivo polo que se amplían os horarios.

As Bibliotecas da USC abren unha media de 226 días ao ano e 74 horas á semana. As Bibliotecas Concepción Arenal (Santiago) e Intercentros (Lugo) superan esta cifra con 354 días ao ano e 98 horas semanais de apertura o que garante a oferta permanente de espazos para o estudo na USC.

Fonte: xornal.usc.es