Oficina CEER
 25-04-2014
A COMUNIDADE UNIVERSITARIA DE SANTIAGO E LUGO ELIXE ESTE VENRES AO REITOR DA USC E AOS SEUS REPRESENTANTES NO CLAUSTRO UNIVERSITARIO

A comunidade universitaria dos campus de Santiago e Lugo elixirá este venres 25 ao novo reitor da USC para os vindeiros catro anos así como aos seus representantes no Claustro Universitario. As mesas electorais permanecerán abertas entre as 10.30 horas e as 18.30 horas nos distintos centros universitarios.

Nestes procesos poderán exercer o dereito a voto un total de 31.352 persoas organizadas en catro sectores universitarios. Concretamente, o total do censo repártese entre 1.554 votantes do sector de profesorado doutor con vinculación permanente; 2.458 persoas correspondentes ás restantes categorías de PDI; 26.028 votantes correspondente ao sector do estudantado de grao, 1º e 2º Ciclo, máster, doutoramento e posgrao propio; e as 1.312 persoas do cadro de Persoal de Administración e Servizos.

Voto ponderado
Conforme á modificación do Regulamento Electoral Xeral da USC, a ponderación do voto nas eleccións a reitor determínase en función do sector, de xeito que o de profesorado funcionario doutor con vinculación permanente representa o 51 %; o resto de categorías de PDI o 11%; o alumnado matriculado en titulacións oficiais, o 28 %; e o Persoal de Administración e Servizos (PAS) o 10 %.

Calendario electoral
Celebrada a votación, a proclamación provisional do reitor electo producirase o 26 de abril, abríndose entre o día 28 de abril e o 5 de maio un período para a presentación de recursos ante a Comisión Electoral Central. A proclamación definitiva producirase entre o 6 e o 8 de maio.

Fonte: xornal.usc.es