Oficina CEER
 28-04-2014
A CHISPA DO TEATRO PRENDE UN ANO MÁIS COA MITEU

Este venres arrancou a 19ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense.

Dúas das aulas do campus estrearon os seus espectáculos o primeiro día de programación.

A pesar da choiva e dos recortes en cultura, este venres arrancou na cidade das Burgas unha nova edición, a número 19, da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense. Un divertido e ruidoso grupo de "chispeiras", unha tropa de pallasas nadas na Aula Universitaria de Ourense Rosaura, foron as encargadas de inaugurar este venres a cita deste ano percorrendo as rúas da cidade e buscando nelas o mellor teatro. Con elas comezou unha intensa programación que ata o día 9 de maio traerá aos escenarios ourensáns a 31 compañías de nove países e catro continentes para ofrecer unha mostra do mellor teatro profesional e afeccionado, aderezado con música, danza, circo, proxeccións, formación e moito máis. A Miteu abre o pano e faino esta vez cun sorriso de orella a orella.

“A edición deste ano preséntase moi interesante e variada. A programación do seu primeiro día, na que se mesturan espectáculos de Xapón e Galicia, a danza e o teatro, afeccionados con profesionais, xa dá conta da riqueza e mestizaxe desta mostra”, destacou sobre a 19ª Miteu Fernando Dacosta, o seu director e coordinador tamén das aulas de teatro do campus de Ourense, minutos antes da estrea. Para comezar as actuacións, e como xa é habitual cada ano, a Aula Universitaria de Ourense Rosaura, o primeiro nivel, estreou o seu espectáculo de rúa Chispeando, expoñéndose por primeira vez estes aprendices de actores e actrices ao público ourensán. “Este ano quixemos empezar dun xeito alegre e divertido, aínda que co seu punto de intriga e sorpresa. Queremos bo humor e diversión nesta Miteu”, destacou Sabela Gago, coordinadora da mostra teatral.

Ademais da actuación de Hisako Horikawa, o primeiro día de programación da Miteu o Teatro Principal acolleu a estrea da nova obra da Aula Universitaria de Ourense Cordelia, titulada Galería Berkvam 2.14. Na peza, explican os seus responsables, Karl Valentí, Eugène Ionesco, Sánchez Pedrosa ou Roland Dubillard debuxan personaxes que non se deixan clasificar, que defenden alegremente a súa diferenza nunha sociedade afeccionada a etiquetas e uniformes. Con dramaturxia de Fina Calleja, a obra xorde deste xeito a partir de textos de varios autores que xuntos crean un acuario de personaxes singulares que arrastran teimas fóra do común. Estas actuacións do primeiro día marcan o inicio dun desfile de grupos e compañías de Portugal, Exipto, Angola, Italia, Escocia, Brasil e Guinea Ecuatorial, que traerán ao Auditorio Municipal, ao Teatro Principal, ao campus, ás rúas da cidade e a algúns dos seus cafés moito teatro e algo das outras artes. Serán en total 14 días de programación que farán de Ourense o epicentro teatral de Galicia durante as vindeiras semanas.

O papel do campus de Ourense
Nesta edición, o campus de Ourense volverá a ter un protagonismo especial, ben pola participación das súas aulas de teatro, ben por contribuír ao seu financiamento, ben por acoller nas súas salas diferentes actividades. Deste xeito, ademais da estrea de Chispeando e de Galería Berkvam 2.14, Maricastaña, o terceiro dos grupos do campus, pechará a Miteu o día 9 coa representación de Café Liberdade no Teatro Principal. O momento da actuación de Geppetto, a Aula Universitaria Infantil, será o día 27 coa súa obra Os soños de Xulia. Xa fóra do eido teatral, tamén participará un ano máis nesta cita a Aula de Danza do campus de Ourense, que estará o día 3 de abril na 4ª Xornada de Danza Interuniversitaria que se celebrará no Auditorio Municipal.

Por outra banda, a Sala Emilia Pardo Bazán será o escenario das representacións da compañía Gretua de Aveiro, o día 4, e do Grupo de Teatro da Universidade de Valencia, o día 5. Ademais, esta sala acollerá os días 26 e 27 de abril un obradoiro de danza para actores ofrecido pola xaponesa Hisako Horikawa. Por último, a Sala Marie Curie fará o propio coas actuacións de Acentral Folque e Quico Cadaval, o día 5, e de Corasóns, o día 7. Algúns destes espectáculos serán de balde e outros terán un custe de tres euros por entrada. Do mesmo xeito, algúns deles enmárcanse dentro da programación das IV Xornadas de Portugués Perto que cada ano organiza o campus para achegar as culturas galega e lusófona.

Fonte: duvi.uvigo.es