Oficina CEER
 04-07-2014
ESPALLANDO A CULTURA GALEGA POLO MUNDO

Inauguráronse os cursos de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia.

Dende o verán de 1988 celébranse de maneira interrompida na USC os cursos de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia, organizados conxuntamente polo Instituto da Lingua Galega, a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Desde o inicio procurouse que persoas de moi diversa procedencia puidesen achegarse directamente á lingua e á realidade sociocultural do país, para logo serviren de embaixadores culturais de Galicia nos seus lugares de orixe.

Ao longo das súas vinte e seis edicións pasaron por estas aulas máis de 2.500 persoas de países de todo o mundo. Agora, na vixésimo sétima, achéganse á cidade 65 estudantes de 22 nacionalidades, que dende este xoves e ata o 24 de xullo asistirán a conferencias e seminarios sobre antropoloxía cultural, literatura, historia, arte e outros eidos socioculturais. Ademais, están previstas sesións de contacontos, recital de poesía, concertos e unha xornada completa de inmersión lingüística e cultural o sábado 12 en Muros, Fisterra, Muxía, Dombate e Borneiro.

Un pulo á lingua e cultura galegas
A benvida aos novos participantes tivo lugar este xoves no Salón de Actos de Filosofía nun acto presidido polo reitor Juan Viaño e no que participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o director do Instituto da Lingua Galega da USC, Ernesto González; e o director dos cursos, Xosé Luís Regueira, quen lles dixo aos estudantes que a partir de agora “formarán parte do corpo diplomático da lingua galega”.

Pola súa banda, Alonso Montero agradeceu o esforzo das institucións organizadoras, de xeito especial da Secretaría Xeral de Política Lingüística e do seu titular, do profesorado do curso “e dos estudantes que veñen facer unha peregrinación cultural”, dixo.

Para Valentín García, “trátase dunha oferta formativa desde a que se contribúe á difusión internacional da nosa cultura e lingua, á investigación sobre a nosa realidade e, de maneira importante, ao prestixio do idioma”. Nisto tamén incidiu o reitor Viaño, para quen os cursos “ contribúen a aumentar a boa reputación da institución docente nos eidos da docencia e a investigación”.

Entre o profesorado e persoal colaborador dos cursos cóntase con relevantes figuras da lingüística, dos estudos literarios, da cultura, dos medios de comunicación e dos ámbitos máis dinámicos e creativos da cultura e da sociedade galega. Así, participarán Belén Regueira, Xosé Manuel Pereiro, Agustín Fernández Paz, Francisco Fernández rei, Luís Iglesia, Xabier Díaz, Quico Cadaval, Xosé Ramón Barreiro ou Henrique Monteagudo.

Fomentar o estudo

Os cursos constan de distintos niveis, comezando polo elemental para quen desexe introducirse no seu coñecemento. Quen realizase este curso ou xa teña o nivel esixido poderá cursar o nivel medio, necesario para realizar o superior de lingüística e de literatura galegas. Precisamente esta estrutura favorece que parte do alumnado –na súa maioría universitario, pero non só– repita asistencia, ben por reforzar coñecementos ou ben por acadar un maior nivel de estudo.

As entidades organizadoras non só pretenden proporcionar a oportunidade de familiarizárense coa lingua galega e coa realidade sociocultural de Galicia senón tamén contribuír á súa difusión e coñecemento e fomentar o estudo e a participación de profesionais de todo o mundo en diferentes aspectos da cultura galega.

Fonte: http://xornal.usc.es/