Oficina CEER
 02-09-2014
OS CAMPUS RECUPERAN O PULSO

Este luns comezou oficialmente o curso 2014-2015 na Universidade de Vigo.

O acto oficial de apertura do Sistema Universitario de Galicia será o día 12 no campus de Vigo.

Pouco a pouco e cunha temperatura que non axuda a despedirse das vacacións, a vida volve aos campus da Universidade de Vigo. O curso máis madrugador arrancou con actos de benvida en varios centros dos tres campus, recibimentos que continuarán ao longo desta semana e da vindeira, para que os estudantes de novo ingreso se vaian afacendo á súa nova vida como universitarios e universitarias. Entre nervios e expectación pasaron este primeiro día os novos estudantes dos centros máis madrugadores: a ETSE de Minas, a EE de Telecomunicación, a Facultade de Fisioterapia e a Facultade de Historia.

As principais novidades académicas para este curso 2014-2015 son a posta en marcha do grao de Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, a simultaneidade entre Administración e Dirección de Empresas e Dereito, tanto no campus de Vigo como no de Ourense, e o comezo da docencia semipresencial en Dirección e Xestión Pública en Pontevedra, Xeografía e Historia en Ourense e Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios en Vigo.

En total, a Universidade de Vigo oferta neste curso preto de 3800 prazas de novo ingreso. O derradeiro prazo de matrícula pecharase o 24 de outubro, aínda que as titulacións con prazas vacantes poden abrir un prazo extraordinario en novembro. Para esta ano académico a institución mantén tamén os seis prazos para o pagamento fraccionado reducindo así o impacto nas economías familiares.

Por outra banda, o campus de Vigo acollerá o acto oficial de apertura de curso do Sistema Universitario de Galicia o vindeiro venres 12 de setembro. O catedrático de Teoría do Sinal e Comunicacións Ramón Hermida, será o encargado de impartir a lección inaugural centrada nun novo paradigma para previr o risco cardiovascular, a cronoterapia da hipertensión.

Fonte: duvi.uvigo.es