Oficina CEER
 04-09-2014
UNHA MOSTRA FOTOGRÁFICA RACHA COS ESTEREOTIPOS SOBRE AS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

A exposición poderase visitar no Colexio de Fonseca ata o 20 de setembro.

55 fotografías resumen once anos de traballo observando, coñecendo e entendendo a realidade cotiá das persoas con discapacidade desde a súa propia perspectiva e das súas familias e persoal de apoio con quen conviven. Eses documentos ilustradores conforman hoxe a exposición ‘As persoas con discapacidade na vida cotiá’ que se acaba de inaugurar no claustro do Colexio de Fonseca, onde permanecerá ata o 20 de setembro en horario de 10.00 a 21.00 horas.

A mostra –organizada en Galicia pola Universidade de Santiago e as Fundacións Grupo Norte e Down Compostela- recolle unha selección das imaxes premiadas no Concurso Internacional de Fotografía Dixital que convocan a Fundación Grupo Norte e o Instituto Universitario de Integración na Comunidade (Inico) da Universidade de Salamanca, co obxecto de contribuír á normalización das persoas con discapacidade. Son imaxes que propoñen enfoques adecuados ás realidades humanas e que promoven indicadores sociais relativos á verdadeira inclusión das personas con discapacidade, pero que tamén falan de superación e normalidade.

A inauguración da mostra, presente por primeira vez en Galicia, tivo lugar nun acto no que interviñeron a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, Dolores Álvarez Pérez; a secretaria xeral de Política Social da Consellaría de Traballo e Benestar, Coro Piñeiro; a concelleira de Santiago María Jesús Sáinz; o presidente da Fundación Down Compostela, Juan Martínez López; e o presidente da Fundación Grupo Norte, Javier Ojeda Prieto.

As persoas con discapacidade foron historicamente discriminadas e marxinadas na sociedade, acadando un menor nivel de calidade de vida que o resto dos ci­dadáns. Esa discriminación, explican os organizadores, débese a múltiples causas, entre as que destacan non tanto as súas propias limitacións como as barreiras sociais, ambientais e de ac­titude cara a elas: concepcións deformadas sobre a súa competencia e prexuízos e estereotipos culturalmente herdados. O propósito da mostra é, xa que logo, rachar con esta clase de percepcións.

Fonte: xornal.usc.es