Oficina CEER
 10-09-2014
O PRAZO PARA A PRESENTACIÓN DE COMUNICACIÓNS AO SEMINARIO RESCLIMA I SOBRE A INCIDENCIA DO CAMBIO CLIMÁTICO REMATA O DÍA 15

O seminario internacional Resclima I (Respostas Educativas e Sociais ao Cambio Climático) desenvolverase na Facultade de Ciencias da Educación de Campus Vida o vindeiro mes de decembro. A súa celebración creará un espazo para indagar e reflexionar sobre a incidencia do cambio climático no marco da cultura científica e a común. Segundo os seus promotores, o grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-Interea), o coñecemento xerado será fundamental para mellorar o deseño de programas e accións educativas e comunicacionais máis eficaces. A finalidade última é converter o cambio climático nunha cuestión socialmente relevante e motivar a cidadanía para que demande e protagonice políticas de resposta máis ambiciosa.

O programa do encontro está aberto á participación dos investigadores e investigadoras que poderán achegar as súas comunicacións sobre algúns dos bloques temáticos en que se articula o encontro: representacións sociais e discursos sobre o cambio climático; tratamento do cambio climático nos medios de comunicación; o cambio climático no currículo escolar; cambio climático e saberes tradicionais; valoración social do risco; procesos de comunicación sobre o cambio climático; ou condicións e barreiras nas respostas políticas e sociais ao cambio climático.

Poderanse presentar comunicacións sobre estas liñas de traballo en calquera das linguas oficiais do evento (castelán, galego e portugués). Será preciso enviar un resumo de 500 palabras antes do 15 de setembro. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a web do encontro.

Fonte: xornal.usc.es