O LIBRO VIOLENCIA DE GÉNERO Y JUSTICIA, GALARDOADO NOS PREMIOS NACIONAIS DE EDICIÓN UNIVERSITARIA COMO A MELLOR MONOGRAFÍA EN CIENCIAS XURÍDICAS
O libro Violencia de género y justicia , editado polo Servizo de Publicacións da USC, acaba de ser designado como a mellor monografía na área de Ciencias Xurídicas e Económicas dos XVII Premios Nacionais de Edición Universitaria, convocatoria da Unión de Editoriais Universitarias Españolas (UNE) que recoñece as mellores obras publicadas polas universidades e centros de investigación españois durante 2013. Os membros do xurado valoraron o interese, pertinencia e actualidade temática da obra así como o tratamento rigoroso e exhaustivo das diferentes vertentes do tema de estudo.
O xurado, que premiou nove obras dun total de 109 títulos editados por trinta universidades, estaba composto pola xefa de redacción de El Cultural de El Mundo, Nuria Azancot; o responsable de Libros do suplemento cultural Babelia de El Pais, Francisco Javier Rodríguez Marcos; o coordinador de Libros del suplemento ABC Cultural, Antonio Fontana; a xornalista cultural e blogger de SopadePecesyLibros, Teresa Peces; o conselleiro de Educación, Cultura e Turismo da Rioxa, Gonzalo Capellán; o profesor de investigación do CSIC, Luis Alberto de Cuencua; e o crítico literario, Manuel Rodríguez Rivero.
Dirixida pola catedrática de Dereito Procesual Raquel Castillejo e coordinada pola profesora Cristina Alonso Salgado, en Violencia de género y justicia danse cita maxistrados/as, laboralistas, penalistas, médicos/as, profesionais da Psicoloxía, a educación ou orientadores/as, para confluír, baixo prismas diferentes pero sempre complementarios, nun problema de gran calado que, dende a esfera das relacións persoais e familiares, proxéctase no panorama do público con graves repercusións na vida social.
En opinión do director do Servizo de Publicacións, Juan L. Blanco Valdés, con obras como a premiada, a especialización universitaria “achega elementos de xuízo imprescindibles para un debate sereno pero contundente arredor de cuestións ás que é preciso achegar solucións ben fundamentadas”.
Fonte: xornal.usc.es