Oficina CEER
 25-09-2014
OUTRA PISTA PARA DESCUBRIR O SEGREDO DO PROXECTO Z

Dentro da campaña promocional do Servizo de Deportes.

No flashmob que tivo lugar este mércores agochábanse resposta e novas preguntas.

O flashmob organizado polo Servizo de Deportes este mércores no Centro Comercial de Cidade Universitaria daba novas pistas para resolver un misterio que se cerne sobre o campus. Mentres o grupo de voluntarios que bailaron ao ritmo de cancións como Bailando, de Enrique Iglesias, e Adrenalina, de Wisin con Jennifer López e Ricky Martin, coordinaba perfectamente a coreografía, algún participante semellaba un pouco perdido entre paso e paso e semellaba ter algo que agochar.

E é que esta actuación forma parte do Proxecto Z, que aglutina unha serie de actividades promocionais do Servizo de Deportes, propoñendo un misterio que a comunidade universitaria debe resolver. A primeira pista estaba no vídeo que anunciaba a celebración deste flashmob, e outros dous vídeos ían marcando o camiño para descubrir a identidade dunha persoa misteriosa e o papel que xoga nunha historia, na que constantemente e, de momento sen motivo, aparecen radios e transistores. O que estea interesado en desentrañar este misterio e coñecer a identidade do descoñecido, pode seguir atopando pistas nas redes sociais do Servizo de Deportes da Universidade.

Fonte: duvi.uvigo.es