Oficina CEER
 29-09-2014
TEATRO, FOTOGRAFÍA E DANZA MANTEÑEN UNHA OFERTA DESTACADA NA PROGRAMACIÓN CULTURAL DA USC NO CAMPUS DE LUGO

Silva destaca a elevada demanda que rexistra ano tras ano a “completa e diversa” oferta cultural do campus de Lugo. A matrícula está aberta ata mediados de outubro.

O teatro, a fotografía e a danza manteñen unha oferta destacada na programación cultural da USC no campus de Lugo para o presente curso 2014-2015, durante o que se celebrarán un amplo abano de cursos e obradoiros abertos á participación dos membros da comunidade universitaria, así como do público en xeral.

A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva, presentou este luns a programación das aulas de Teatro e Fotografía, así como do Espazo de Danza da USC, no marco dun acto que contou coa presenza de Eduardo Ochoa e Juan Carlos Zahera, coordinadores do Espazo de Fotografía e Danza, respectivamente.

A elevada demanda de usuarios/as que ano tras ano rexistran os cursos e actividades teatrais, así como os seminarios formativos de fotografía e os obradoiros de danza promovidos a través da Área de Cultura da USC en Lugo son proba do éxito e do interese que espertan unhas convocatorias a través das que a USC abre as súas portas á sociedade luguesa e estreita a súas ligazóns coa cidadanía, sinalou Carme Silva.

Respecto da programación de actividades deseñadas cara o novo curso académico e cuxo prazo de inscrición permanecerá aberto ata mediados do mes de outubro, Carme Silva falou dunha oferta completa e diversa, ideada para poder dar resposta ás demandadas de todos os posibles usuarios/as. Daquela, Silva salientou a organización de obradoiros e cursos de distintos niveis aprendizaxe e perfeccionamento, como é o caso da programación da Aula de Teatro, ou a diversidade temática do Espazo de Danza da USC, que ademais da danza contemporánea, tamén ofrece sesións monográficas de bailes latinos, danza oriental...

A Aula de Fotografía do campus de Lugo mantén tamén unha programación estable cara o novo ano académico, no que desenvolverá un obradoiro básico de fotografía, ademais dun curso de achegamento á fotografía dixital e outro seminario específico de retoque, edición e manipulación de fotografía co programa Photoshop.

Silva salientou que a programación cultural ofertada pola USC no campus de Lugo son un exemplo de programas de extensión universitaria, ao tempo que se referiu a este amplo abano de itinerarios formativos como fórmula acaída para completar a formación do estudantado universitario. A especial atención que prestan as aulas de Teatro, Fotografía e Danza ao público sénior, con programas específicos para o IV Ciclo Universitario, foi outro dos aspectos sinalados pola vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo. Silva indicou tamén que os distintos procesos creativos comezados coas distintas actividades formativas planificadas atopan o seu colofón nos festivais de danza e de teatro, así como no maratón fotográfico, eventos cos que se da visibilidade pública a todo o traballo creativo desenvolvido por parte dos participantes.

As persoas interesadas en acadar máis información respecto dos contidos e dos horarios nos que se desenvolverán actividades promovidas pola Área de Cultura da USC no campus de Lugo poden obtela na páxina web http://www.usc.es/cultura/, onde tamén poden atopar información relativa ás taxas e ao proceso de inscrición en calquera dos cursos ou obradoiros programados para o presente curso académico.

Fotografía: Ochoa, Silva e Zahera, na presentación da programación de teatro, danza e fotografía no campus de Lugo.

Fonte: xornal.usc.es