Oficina CEER
 22-12-2014
DOUS TERZOS DAS EMPRESAS MÁIS CONTAMINANTES DE GALICIA CARECEN DUN PLAN DE COMUNICACIÓN DE CRISE

Segundo un estudo realizado polo alumnado de Publicidade e Relacións Públicas.

Menos da metade destas compañías dispón de departamentos de prensa e relacións públicas.

Dúas de cada tres das empresas máis contaminantes de Galicia carecen dun plan de comunicación co que facer fronte a una hipotética crise ambiental. Esta é a principal conclusión do estudo realizado por alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, baixo a coordinación dos profesores Ana Belén Fernández Souto e Iván Puentes, e baseado nos datos proporcionados polas 120 empresas da autonomía que figuran no Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes. Do total das compañías enquisadas, só o 49,2% conta cun gabinete de comunicación, mentres que a porcentaxe daquelas que dispón dunha estratexia para levar a cabo un axeitado labor comunicativo tras un problema ambiental descende ao 35,8%.

Segundo explica Iván Puentes, “todas aquelas empresas que superan uns determinados baremos de emisións de substancias consideradas contaminantes”, tanto á atmosfera, ao solo ou á auga, como a unha depuradora ou a unha rede de sumidoiros, “están obrigadas a figurar” no citado rexistro do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, que foi empregado como base para un traballo desenvolvido no marco da parte práctica da materia Planificación Estratéxica das Relacións Públicas. Isto motivou, como apunta Fernández Souto, que a “practica totalidade” do alumnado do terceiro curso do grao en Publicidade e RRPP participase nun proxecto no que se encargaron de “preguntar sobre os plans dos que dispoñen para facer fronte a unha situación de crise medioambiental aos responsables de comunicación”, de empresas de múltiples sectores, desde centrais térmicas, compañías eléctricas ou empresas siderúrxicas, “a outras que un non soe asociar á contaminación, como granxas de polos ou porcos”.

A importancia de comunicar ben
“Podemos pensar en diferentes catástrofes medioambientais e, en case todas elas, a falta de comunicación e información é unhas das críticas máis recorrentes por parte da cidadanía”, apunta Puentes, para quen “comunicar ben ou mal durante unha crise pode determinar a supervivencia ou o afundimento definitivo da entidade implicada”. Neste senso, Fernández Souto incide en que, xunto a outra serie de medidas, calquer problema medioambiental “deberá de ser afrontado sempre cunha axeitada política de comunicación”. Non en van, a ausencia desta provoca que “haxa lugar para rumores, malentendidos e inseguridades”, o que á súa vez deriva en que “as organizacións sexan torpes comunicando a súa situación”. Por iso, os coordinadores deste estudo inciden na necesidade de contar cun plan que abarque desde que persoas xestionarán a comunicación durante a crise, ata a “identificación dos públicos aos que se van a dirixir” e as “técnicas que se deben empregar para chegar a eles”, pasando polo “tipo de mensaxes” que tratará de difundir a través dos medios de comunicación. Trátase, en resumo, dun documento no que se recollen as diferentes “estratexias e tácticas” que permitirán “axilizar todas as accións a realizar unha vez xorde a crise”, explica Fernández Souto.

Unha sensibilidade “bastante limitada”
Fronte á importancia que se outorga ás tarefas informativas e de relacións públicas, neste estudo conclúese que “a sensibilidade das empresas contaminantes de Galicia con respecto ao valor dunha boa comunicación parece bastante limitada”. Afirmación que os autores deste estudo sosteñen non só pola falta do antedito plan de comunicación en máis do 60% das empresas enquisadas, senón polo feito de que máis da metade, o 50,8%, careza dun departamento de comunicación ou RRPP. O “dato positivo” que pola contra extraen desta situación é que no caso daquelas compañías que si contan con este servizo, no 84,7% dos casos está integrado por persoal especializado, “fundamentalmente por titulados universitarios”.

Non obstante, as conclusións tamén recollen que o 75% das empresas que carecen de plan de comunicación de crise “non manifesta tampouco ningún interese en poder contar con un”, o que leva aos responsables deste estudo a incidir na “ampla marxe de crecemento que segue a ter a profesor de Relacións Públicas en Galicia”, como apunta Puentes, así como na necesidade de “dar a coñecer aínda máis o labor vital para as organizacións” que poden realizar os graduados e graduadas dunha titulación que no presente curso académico está a celebrar o seu vinte aniversario.

Fonte: duvi.uvigo.es