Oficina CEER
 12-02-2015
A USC IMPLÍCASE NO PROXECTO DE ARTES ESCÉNICAS E VISUAIS HERM3TICA

A Universidade de Santiago será a vindeira semana un dos escenarios escollidos para desenvolver o proxecto Herm3tica de investigación en artes escénicas e visuais. Serán tres días de actividades a seguir en streaming (http://herm3tica.tv/directo) que comezarán o mércores 18 (de 11 a 15 horas) co Tar0t Esquizoan4alisis no que as cartas do tarot se converten en escenas descritas por dispositivos tecnolóxicos e a súa interactividade, de maneira que se crean contornas que afectan a (s) subxectividade(s) igual que o fai cada carta. Esta acción, na que colabora activamente o Espazo de Danza da USC, continuará co mesmo horario o xoves 19.

Xa o venres 20 pola mañá desenvolverase na sala de prensa do Colexio de San Xerome un seminario sobre o espazo telepresencial nas artes escénicas e visuais e as TIC (para asistir, poñerse en contacto coa Fundación CEER, entidade colaboradora, no santiagotec@fceer.org). Interveñen nel responsables de Alg-a Laboratório, KònicLab e Laboratorio de Luz de Valencia.

O proxecto rematará ese día pola tarde coa performance final do Tar0t Esquizoan4alisis na que os artistas de Compostela (Espazo de Danza) e Valencia interaccionarán dende as súas cidades nun mesmo espazo telecompartido a través de datos, imaxe e vídeo que se poderá seguir simultaneamente dende varios puntos de España (en Santiago dende o CGAC, o Kunsthalle e a Nave de Vidán). Os promotores do proxecto, desenvolvido por Alg-A Laboratorio e outras entidades, reformulan coas TIC o concepto ‘hermética’ nun espazo no que o pechado fisicamente muda a aberto mediante o uso de cámaras, sensores e a posibilidade de telepresenza. Investigan as novas artes visuais e escénicas a través das novas tecnoloxías para o achegamento a novos públicos e a mellora de ferramentas tecnolóxicas destinadas a profesionalizar o sector, entre outros obxectivos.

Fonte: xornal.usc.es

Archivos asociados a esta noticia:
application/pdf: Programa