Especialistas da Universidade da Coruña explicarán de maneira didáctica os traballos dos Premios Nobel de 2014 nunha serie de sesións que terán lugar en NORMAL, o espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña. A primeira será o día 20 deste mes. Óscar Cabeza Gras, do grupo de investigación Mesturas, do departamento de Física, achegará aos asistentes o desenvolvemento das luces led polo que recibiron o Nobel de Física Isamu Akasaki, Hiroshi Amano e Shuji Nakamura.
O 27 de febreiro, Casto Rivadulla Fernández, do grupo de investigación Neurocom, do departamento de Medicina, explicará os descubrimentos sobre a representación espacial do cerebro polo que obtiveron o Premio Nobel de Medicina John O’Keefe, May-Britt Moser e Eduard I. Moser.
O calendario continuará no mes de marzo, con conferencias explicativas dos traballos dos premios Nobel da Paz, de Literatura, de Economía e de Química.
As conferencias, abertas á asistencia de todos os interesados, serán ás 19:00 horas. Están organizadas pola Unidade de Divulgación Científica da Universidade da Coruña.
Máis información: www.istoenormal.org
Fonte: www.udc.es