Responsables de Alg-a Laboratório, KònicLab e Laboratorio de Luz participaron este venres na USC nun seminario sobre a relación entre as artes performativas e as novas tecnoloxías. A xornada enmárcase no proxecto Herm3tica de investigación en artes escénicas e visuais que, promovido por Alg-A Laboratorio e outras entidades, reformula coas TIC o concepto "hermética" nun espazo no que o pechado fisicamente muda a aberto mediante o uso de cámaras, sensores e a posibilidade de telepresenza. Investigan así, entre outras cuestións, o achegamento a novos públicos e a mellora de ferramentas tecnolóxicas destinadas a profesionalizar o sector.
En Herm3tica colaborou a Universidade de Santiago, sendo un dos escenarios escollidos para o proxecto que dende este mércores retransmitiu en streaming dende a Facultade de Ciencias da Comunicación coa participación activa do Espazo de Danza da USC e a co organización da Fundación CEER.
Na acción "Tar0t Esquizoan4alisis", que se puido seguir en tempo real, as cartas do tarot se converten en escenas descritas por dispositivos tecnolóxicos e a súa interactividade, de maneira que se crean contornas que afectan a (s) subxectividade(s) igual que o fai cada carta.
O proxecto rematou o venres 20 pola tarde coa performance final na que os artistas de Compostela (Espazo de Danza) e Valencia interaccionaron dende as súas cidades nun mesmo espazo telecompartido a través de datos, imaxe e vídeo que se puido seguir simultaneamente dende varios puntos de España e no enlace http://herm3tica.tv/directo
Fonte: xornal.usc.es