Oficina CEER
 25-02-2015
MÁIS DE 200 INSCRITOS NO I FEMINARIO DO CENTRO DE ESTUDOS DE XÉNERO DA UDC

A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres Miño, e a directora do Centro de Estudos de Xénero e Feministas, Rosa Cobo Bedía, inauguraron esta mañá a primeira edición do Feminario, no salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación que conta con 225 persoas inscritas.

Logo do acto oficial de apertura, Pilar Ballarín da Universidade de Granada explicou o estado dos estudos de xénero e feministas na universidade española para, a continuación, dar paso aos diversos relatorios que se prolongarán durante toda a mañá.

Pola tarde, ás 16:30 horas está prevista a intervención “O movemento feminista na Coruña: organización, estratexias e preocupacións políticas” a cargo de Cristina Bajo, da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto na Coruña, Mariola Mourelo, de Feminismo Coruña e Rocío Fraga de Nomepisesofreghao. A tarde proseguirá con varios relatorios e clausurarase ás 19:15 horas.

O I Feminario está organizado polo Centro de Estudos de Xénero e Feministas. Esta entidade, creada en 2012 no seo da Universidade da Coruña constitúe un espazo de investigación de carácter aberto e multidisciplinar, no que se integra o profesorado da Universidade da Coruña que desenvolve liñas investigadoras en materia de xénero e/ou feminismo. Asemade, o CEXEF constitúe un centro de formación para todas aquelas persoas que queiran iniciarse ou ampliar os seus coñecementos no eido da igualdade, e de diálogo permanente coa realidade social máis próxima.

Máis información:
http://www.udc.gal/actualidade/eventos/2015/02/feminario.html Fonte: udc.es