Oficina CEER
 27-02-2015
A CULTURA DIXITAL PASA POLA RELACIÓN ENTRE CÓDIGO E NAVEGACIÓN, ENTRE TRADUCIÓN E INFORMACIÓN, SINALA MAN HAUSER

O director do Alg-a Laboratório cerra no Museo Provincial de Lugo o o ciclo de conversas abertas do Máster de Servizos Culturais da USC.

Os cambios de paradigma que implica a cultura dixital e como esta supón unha alteración entre o mediato e o inmediato, coas repercusións que isto supón , centrou o debate da última conversa aberta celebrada no Museo Provincial de Lugo no marco do CulturaLab do Máster de Servizos Culturais da USC.

As persoas participantes na sesión de clausura deste ciclo de conversas tiveron a ocasión de establecer un diálogo co coordinador e director do Alg-a Laboratório, (Valladares, Vigo) centro independente de Arte dixital e Cultura libre, Manuel Cebral Loureda (aka Man Hauser), para quen “o dixital pasa por unha relación entre o código e a navegación, entre a tradución de información”.

Man Hauser incidiu no papel inclusivo do dixital, para logo lembrar que da conexión de multitudes xurde un feixe de novas oportunidades, algunhas materializadas en proxectos como FLOKK Society en Ecuador. A reivindicación da economía social do coñecemento ou as revoltas do 15M, que representan a manifestación das multitudes conectadas, son outros exemplos do carácter inclusivo do dixital, dixo.

A conversa con Man Hauser transitou á vez a través da minería de datos e da posibilidade de sacar á luz esa información oculta, xa que a visualización de datos supón unha oportunidade en tanto permite ir máis alá e mostrar procesos invisibles aparentemente.

Proxectos como a rede GZimaxinaria, Montenoso ou o Mapa Subxectivo de Valladares permiten ver como é posible relacionar as formas tradicionais de xestionar o común con outras formas máis relacionadas co ámbito do hardware libre ou o software libre. As posibilidades e os riscos son inmensos, remarcou o conversador.

Sementeira Cultural
As conversas do CulturaLab do Máster de Servizos Culturais chegaron ao seu remate, máis o CulturaLab continúa como espazo experimental de produción cultural no marco dun posgrao, que ten entre os seus obxectivos o de converterse nunha sementeira cultural, un viveiro de proxectos culturais feitos polos/as alumnos/as do máster que así o desexen. As persoas interesadas poden obter máis información en http://culturalab.tumblr.com/.

Fonte: xornal.usc.es