Oficina CEER
 02-03-2015
PRESENTACIÓN DO NOVO PROXECTO EXPOSITIVO DE NORMAL

A vicerreitora de Estudantes, Deportes e Cultura, María José Martínez, presentará aos medios de comunicación este luns, 2 de marzo, o novo proxecto expositivo de NORMAL. Microfísica do debuxo centrará a programación do espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña até o 17 de abril. O acto terá lugar ás 11:00 horas en NORMAL, no campus de Riazor.

É o debuxo un anacronismo dentro da contemporaneidade artística? En Microfísica do debuxo NORMAL parte desta pregunta para, no canto de propor una resposta concluínte, trazar un percorrido promiscuo a través de traballos artísticos nos que o debuxo funciona de xeitos considerablemente diferentes entre si. O propio título refírese a toda una rede de factores que posibilitan, integran e entenden unha noción de debuxo nun sentido moi amplo e non só como un trazo sobre o papel. A exposición contará con obras de recoñecidos artistas internacionais como Luz Broto, David Ferrando Giraut, Martín Vitalitti, Antonio Gagliano, Françoise Vanneraud e Pedro Barateiro.

A visita guiada pola mostra contará coa presenza de Sonia Fernández Paz, comisaria do proxecto. A nova exposición inaugurarase ao público o propio luns, 2 de marzo, ás 20:00 horas.

Fonte: udc.es