A UNIVERSIDADE DE VIGO FIXA EN 3685 A OFERTA DE PRAZAS DE GRAO PARA O CURSO 2015-2016
Na sesión de Consello de Goberno o reitor cualificou o decreto 3+2 de "despropósito".
Aprobado o Regulamento de uso da lingua galega na Universidade.
A sesión de Consello de Goberno celebrada este luns deu luz verde á proposta de prazas de grao en primeiro que a Universidade de Vigo ofertará o vindeiro curso 2015-2016 e que se eleva a 3685, 25 menos que as ofrecidas o presente curso. Este acordo foi un dos adoptados polo órgano de goberno da institución, que tamén aprobou, entre outros asuntos, o Regulamento de uso da lingua galega na Universidade; o nomeamento do catedrático Federico Vilas como profesor emérito; a creación da Comisión de Calidade; unha modificación parcial da relación de postos de traballo do persoal funcionario de administración e servizos, así como o calendario e procedemento para a aprobación de propostas e modificacións de titulacións de grao, mestrado e doutoramento.
A sesión deu comezo co informe do reitor, que Salustiano Mato centrou en debullar os últimos acontecementos derivados da aprobación do coñecido como decreto 3+2, que Mato cualificou de “despropósito” e fronte ao que destacou a “moratoria activa” sobre a que están a traballar as universidades españolas que conforman a Crue e que pasa por definir, sempre a partir de criterios académicos, “a mellor oferta para o alumnado e o seu futuro profesional, así como por unha análise titulación por titulación, no seo das propias universidades, así como cos colexios e sectores profesionais”. O reitor, que lembrou a disparidade de modelos que impera tanto en Europa, como en EEUU e América Latina, puxo o acento na necesidade de que o apoio público sexa o mesmo no caso dos prezos públicos das titulacións de grao e mestrado, “para garantir o acceso universal e sen barreiras ao ensino superior”.
No inicio da sesión o vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García, confirmou a presentación a semana pasada ante a comisión económica do Consello Social da liquidación do orzamento da Universidade de Vigo correspondente ao ano 2014 e que finalmente se pechou cun superávit en operacións non financeiras de 2,3 millóns de euros.
Unha oferta de 3685 prazas para o primeiro curso dos graos
2100 no campus de Vigo, 870 no de Ourense e 715 no de Pontevedra. Esta é a oferta que en cada un dos seus tres campus realizará a Universidade de Vigo nos primeiros cursos das titulacións de grao para o vindeiro curso 2015-2016. En total son 3685 prazas, 25 menos que as ofrecidas este 2014-2015, respecto do que o Grao en Comercio pasa de 120 a 115, Enxeñaría en Organización Industrial de 80 a 70, Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais de 110 a 100 e Enxeñaría Mecánica que descende de 150 a 140. O único incremento no número de prazas rexístrase, tamén no campus de Vigo, no caso do Grao en Dereito, que ofertará 80 prazas, dez máis que o curso pasado. Outra das novidades, aínda que neste caso non afecta ao número de prazas ofertadas que se mantén en 45, prodúcese no caso do Grao en Dirección e Xestión Pública que pasará de ofertar 30 prazas presenciais e 15 semipresenciais este curso, a 20 presenciais de 25 semipresenciais o vindeiro.
Esta oferta, que xa contempla en todas as titulacións os mínimos impostos pola Xunta de 50 prazas nas titulacións que se ofertan no campus de Vigo e 45 nas dos campus de Ourense e Pontevedra, recibiu o visto e prace dos membros do Consello de Goberno, que tamén acordaron delegar na comisión de estudos de posgrao a aprobación dos límites no caso das titulacións de mestrado.
O calendario e procedemento para a aprobación de propostas e modificacións de titulacións de grao, mestrado e doutoramento foi outro dos puntos da orde do día que recibiu o apoio dos membros do Consello de Goberno, aos que a vicerreitora de Organización Académica e Titulacións, Ana Graña, informou, por unha banda, do adianto nas datas que contempla esta proposta a raíz da modificación introducida pola Consellería de Educación, á súa vez, imposta polo Ministerio, e por outra, pola proposta dun título de grao, que realizará a Universidade de Vigo ao non verificarse o de Enxeñaría Física. “Nun consello galego de universidades celebrado o pasado ano o conselleiro de Educación deixou aberta a porta a unha nova titulación de grao no campus de Ourense, algo que ocorreu no momento que non se verificou o Grao en Enxeñaría Física”, lembrou Graña, que avanzou que no vindeiro Consello de campus que se celebrará no campus de Ourense, o reitor presentará unha proposta que finalmente terá que ser avaliada ou non polo Consello de Goberno.
Un regulamento de uso da lingua galega de seu
“Cumprir o mandato legal de protexer e potenciar o uso da lingua galega. Harmonizar os usos lingüísticos e homoxeneizar a imaxe corporativa. Homologar a normativa de uso coas outras universidades do SUG ou facer fronte aos novos retos de internacionalización”. Estes son en palabras do reitor, Salustiano Mato, os principais obxectivos do Regulamento de uso da lingua galega na Universidade de Vigo, que hoxe foi aprobado na sesión de Consello de Goberno. Baseado no Plan de Política Lingüística da Universidade de Vigo, trátase, como confirmou ademais do propio reitor, o director da Área de Normalización Lingüística, Paulo Cabral, un marco global de referencia para o uso institucional do galego en todos os centros e unidades que a integran: facultades, escolas, centros, institutos, departamentos e servizos e aplicable á documentación e comunicación institucional de tipo oral, escrito ou na rede telemática.
Con esta iniciativa a Universidade de Vigo súmase ás de Santiago de Compostela e A Coruña que xa dispuñan de regulamentos de uso da lingua galega de seu.
Outros asuntos
O catedrático do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio Federico Vilas converterase a partir do vindeiro curso en profesor emérito da Universidade de Vigo tras acordalo hoxe o Consello de Goberno. Este foi outros dos acordos adoptados na sesión celebrada hoxe, na que tamén se deu luz verde a unha modificación parcial da relación de postos de traballo do persoal funcionario de administración e servizos, así como aos regulamentos de réxime interno da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e do Departamento de Informática. O prezos mensuais para o vindeiro curso das residencias universitarias e a creación da Comisión de Calidade e do seu regulamento, que abordará a calidade tanto nas titulacións, coma nos servizos que presta a institución, foron outros puntos da orde do día aprobados na sesión celebrada este luns.
Fonte: duvi.uvigo.es