O campus de Ourense acolle o II Coloquio Internacional de Investigadores en Dereito.
O denominado "stalking", os menores en internet ou a violencia de xénero foron algúns dos temas máis tratados.
Persecucións pola rúa, chamadas constantes, chuvia de correos electrónicos, bombardeo de mensaxes de texto, ameazas... Estas son algunhas das formas que toma o chamado stalking ou acoso predatorio, unha serie continuada de actos que alguén realiza de forma obsesiva irrompendo na vida da vítima sen o seu consentimento como un depredador provocando unha sensación de inseguridade que termina afectando ao comportamento habitual da outra persoa. Despois de que este termo aparecera por primeira vez nos Estados Unidos nos anos 90, agora España vai tipificalo como delito e recollelo no seu código penal a través do artigo 172.ter. Este é un dos temas de candente actualidade que se debaten durante este venres no II Coloquio Internacional de Investigadores en Dereito que se celebra no Edificio Xurídico-Empresarial do campus de Ourense e co que se trata de “visibilizar” o labor investigador que se está a realizar no campo das ciencias xurídicas.
Trátase dun evento “especial pola súa singularidade, xa que se dirixe a novos estudosos deste campo para sacar á luz os proxectos nos que están traballando, afondar neles, crear unha rede de colaboración con outros expertos ou estudar novas liñas de investigación a partir das reflexións que se fagan durante este tempo de debate”, como sinalou o director da Área de Planificación do campus de Ourense, José María Faílde, durante o acto de benvida aos 36 investigadores participantes. Poñentes procedentes de universidades de diferentes cidades de España, Portugal, Brasil, México e mesmo Bulgaria que abordaron os aspectos legais de cuestións como os menores en internet, a violencia de xénero, os dereitos humanos, a loita contra a corrupción ou o ADN e o dereito á intimidade xenética.
Oito mesas redondas nas que tratar “unha ampla variedade temática con traballos moi plurais que achegarán unha gran riqueza temática”, como explicaba ao inicio Victoria Álvarez, coordinadora xunto con José Luis Castro dun congreso que ten ao profesor da Universidade de Vigo Pablo Bonorino como director académico. Con esta iniciativa que comezou na Universidade de León en 2013 búscase crear un espazo dinámico aberto ao debate académico que permita unha reflexión crítica e “complementar durante estes anos de estudos universitarios ou de doutoramento a formación non soamente como investigador, senón tamén como persoa”, recoñeceu o decano da Facultade de Dereito, Roberto Bustillo.
Chegar ao Dereito dende moitas disciplinas
A través deste evento, os investigadores participan nunha actividade multidisciplinar no que ademais das investigacións centradas no mundo do dereito, como a análise dunha defensa en delito de lesións ou a mediación penal, tamén tiveron cabida outras relacionadas coa informática, o traballo social... nunha vertente relacionada coas ciencias xurídicas.Así, por exemplo, durante a mañá Ana María Gil abordou a cuestión da vida virtual dos menores e a súa protección; a investigadora da Universidade de Vigo Patricia Alonso analizou os discursos dos adolescentes ante o sexting ou o envío de imaxes eróticas ou pornográficas a través dos teléfonos móbiles; e Victoria Álvarez falou das probas de ADN e a súa potencial colisión co dereito á intimidade xenética e o dereito á protección de datos e, xunto a José Luis Castro, sobre a problemática xurídica e psicosocial da violencia de xénero. Nas mesas da tarde, os temas a expoñer irán dende a nacionalidade como posible elemento discriminatorio nas relacións laborais deportivas ata a mediación no proceso penal de menores, nenos e nenas e violencia de xénero, a doazón de órganos ou as últimas reformas en materia de votación de acordos nas comunidades de propietarios.
Moitos famosos vítimas de acoso
É nesta plataforma multidisciplinar onde se enmarcan as diferentes comunicacións sobre o stalking presentadas ao congreso. “Na doutrina española, Carolina Villacampa foi a que propuxo unha definición que contivera os tres elementos xeralmente admitidos por todos os autores, que son: un conxunto de actos intrusivos que se concretan nunha conduta sobre a que aínda non existe consenso sobre frecuencia ou duración, que sexa unha conduta non desexada pola vítima e que lle provoque medo ou, como mínimo, intranquilidade”, explicou a investigadora da Universidade de Lleida Alejandra Pujols, unha das participantes encargadas de afondar neste tema.
A única enquisa realizada sobre esta cuestión, feita por teléfono soamente e a mulleres de toda Europa, revelou que o 11% delas foi acosada algunha vez na vida e que un 3% viviu esa situación nos últimos doce meses. Pero aínda que “os estudos aseguran que o caso máis prevalente é o da ex parella que non acepta a ruptura e acosa á outra parte”, esta conduta de axexo pode darse tamén entre amigos ou mesmo entre completos descoñecidos. “Este fenómeno espertou a raíz do asasinato da actriz estadounidense Rebecca Schaeffer a mans do seu stalker, un admirador ao que ela non vira nunca”, asegurou Pujols. De feito o fenómeno fan cruzou en máis dunha ocasión os límites, tamén en España: a muller do xornalista Paco González sufriu unha agresión por parte dunha fan que estaba perdidamente namorada del, a actriz Sara Casasnovas foi atacada por un seguidor que a insultou e a apuntou cunha bésta por non contestar as súas insistentes cartas de amor...
Ao non estar aínda tipificado, esta situación era “reconducida a delitos penais como coaccións, ameazas, delito de quebrantamento de condena, contra a liberdade sexual... dependendo da conduta concreta que se producise”, unha situación que provocaba en moitos casos a sensación de indefensión das vítimas. Isto cambia coa última reforma do Código Penal, na que se recollerá como delito por “obriga supraestatal” tras a sinatura do Convenio de Istambul de 2011.
Fonte: duvi.uvigo.es