Oficina CEER
 12-03-2015
A UDC COLABORARÁ COA ORGANIZACIÓN IBEROAMERICANA DE SEGURIDAD SOCIAL

O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto Barbeito, asinou esta mañá un convenio de colaboración coa secretaria xeral da Organización Iberoamericana de Seguridad Social, Gina Magnolia Riaño Barón, e co presidente do Foro Iberoamericano de Derecho Administrativo, o director do departamento de Dereito Público Especial da UDC, Jaime Rodríguez-Arana Muñoz.

O acordo, que se desenvolverá en convenios específicos, permitirá promover conxuntamente cursos, seminarios e congresos, así como outras actividades de colaboración para a internacionalización da Seguridade Social. A importancia da internacionalización do coñecemento universitario foi un dos puntos que destacou o reitor no acto de sinatura que tivo lugar na Reitoría, ademais de destacar que este convenio permite cumprir coa función de poñer á disposición dos organismos públicos o coñecemento xerado na universidade. Pola súa parte, Riaño Barón apuntou que este convenio se enmarca na intención de traballar polo avance dos cidadáns en materia de Seguridade Social das 150 institucións que conforman a súa organización, nun momento en que se vive en Iberoamérica unha melloría económica que espera se traduza tamén nunha mellor calidade de vida.

Rodríguez-Arana subliñou que este convenio segue a liña dos principios fundacionais do Foro Iberoamericano de Derecho Administrativo, constituído por un centenar de profesores, no sentido de promover a investigación e o avance do Dereito Público Especial. O catedrático adiantou que espera que este convenio permita o desenvolvemento dunha futura Carta de Cidadáns de Dereitos Sociais.

Fonte: udc.es