O mundo arredor das ‘geishas’ é un dos estereotipos culturais de Xapón máis estendidos fóra deste país, aínda que tamén probablemente un dos máis distorsionados ou malinterpretados. Con este hipótese, a sección de Xaponés do Centro de Linguas Modernas da USC (CLM) e a vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social celebran a conferencia ‘Cousas que cremos que sabemos pero non sabemos da cultura xaponesa’. En colaboración coa Fundación Xapón e a Asociación Casa Galicia-Xapón, nesta xornada a fotógrafa e xornalista especializada Kyoko Aihara achegará argumentos para superar imaxes estereotipadas neste eido mostrando a realidade do mundo das geiko (geishas xa profesionais) e maiko (geishas en período de aprendizaxe). A xornada celebrarase na Igrexa da Universidade con entrada libre ata completar o aforo o próximo luns 23 a partir das 19.00 horas.
A conferencia será o relato da realidade dos ‘hanamachi’ de Kioto; o período de instrución das maiko, tanto a súa formación en etiqueta, protocolo, ornamentación, teatro e danza clásica, como a súa relación coas casas do té, os teatros de kabuki e os centros de elaboración de kimonos; o papel dos artesáns e outros aspectos da súa vida diaria. Tamén se prestará atención á relación das maiko cos seus clientes e o seu paso de maiko a geiko tras conseguir un valedor ou patrocinador. A conferencia apoiarase nunha presentación fotográfica coas imaxes que a propia conferenciante realizou ás geiko e ás maiko durante as súas longas estadías no hanamachi de Kioto.
Xaponés na USC
A sección de xaponés do CLM comezou a súa andaina no antigo Instituto de Idiomas o curso 1996-1997 con 22 alumnos e alumnas. Á oferta inicial e dende o curso 2003-2004 o alumnado tamén ten a posibilidade de asistir a un curso intensivo de verán, ademais de que o número de estudantes experimentou un forte crecemento coa implantación de cursos semestrais en 2010-2011.
O pasado curso, a profesora Minako Takahashi impartiu clases a 125 alumnos en cursos semestrais (niveis A1 e A2) e intensivos de verán, incluíndo un curso de preparación para os exames NOKEN de 20 horas de duración. Neste eido, en decembro de 2015, a Universidade de Santiago acollerá a cuarta convocatoria do exame NOKEN de xaponés como lingua estranxeira, logo de ter congregado 70 persoas de todo o noroeste peninsular na anterior convocatoria. As persoas interesadas en cursar estudos en lingua e cultura xaponesa terá a posibilidade de matricularse no vindeiro curso intensivo de verán que o CLM celebrará en Compostela entre o 13 e o 24 de xullo de 2015. Existe máis información sobre estes curso na web do CLM ou solicitándoa no enderezo clm@usc.es.
Fonte: xornal.usc.es