Oficina CEER
 31-03-2015
CONVENIO ENTRE A UDC E A ASOCIACIÓN DE PENSIONISTAS E XUBILADOS

O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, asinou esta mañá na Sala de Xuntas da Reitoría un convenio de colaboración coa presidenta da Asociación Provincial de Pensionistas e Xubilados (UDP) A Coruña, María Luisa Ansorena Hortega.

A UDP xestiona o Complexo Xerontolóxico “La Milagrosa” dedicado á formación e investigación no campo das persoas maiores ademais da asistencia a persoas maiores con demencia ou dependencia. Mediante este acordo, os familiares directos do profesorado e do persoal de administración e servizos da UDC terán prazas neste centro cunha redución do 20% nas tarifas vixentes. O convenio inclúe tamén unha redución no prezo dun 30% para aqueles estudantes, de primeiro acceso ou con todas as materias aprobadas do curso anterior, que queiran participar nun proxecto de convivencia interxeracional na vivenda tutelada pola UDP.

Ademais destas especificacións, o convenio contempla a participación conxunta en temas de investigación, ampliando a colaboración existente co Grupo de Investigación en Xerontoloxía que dirixe o catedrático da Facultade de Ciencias da Saúde José Carlos Millán Calenti (http://bit.ly/1FWEzFj), así como se potenciará a formación de prácticas clínicas para o estudantado de grao e mestrado con vinculación á xerontoloxía e á xeriatría como é o caso do Grao en Terapia Ocupacional e o Mestrado en Xerontoloxía nas instalacións de La Milagrosa.

Tanto Armesto como Ansorena amosaron a súa satisfacción pola firma deste convenio que permitirá mellorar a colaboración existente entre ambas as dúas entidades, ademais de valorar a oferta de prazas tanto para os familiares do cadro de persoal da Universidade como para os alumnos que queiran ter unha experiencia interxeracional.

Fonte: www.udc.es