Oficina CEER
 17-04-2015
EXPERTOS INTERNACIONAIS DEBATEN EN DEREITO O IMPACTO DO TELETRABALLO NA FORMA DE TRABALLAR E VIVIR

Un congreso internacional trata o desenvolvemento deste tema no dereito español e comparado.

Tomando como referencia os modelos adoptados en Reino Unido, Francia, Alemaña, Italia, Arxentina ou España, un congreso internacional na Facultade de Dereito analizará este venres 17 e o sábado 18, diferentes perspectivas do teletraballo, unha modalidade de “recoñecida importancia na sociedade actual” e que “cambiou a forma de traballar e vivir”, sinala a directora do congreso, a profesora Lourdes Mella, salientado o interese da temática proposta.

O reitor Juan Viaño presidiu a sesión inaugural do congreso nun acto na Facultade de Dereito no que tamén interviñeron o presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, Demetrio Fernández López; a subdirectora xeral de Estudos e Cooperación do Instituto da Muller, Esther Escolano Zamorano; o xerente da Asociación Española de Dereito do Traballo e Seguridade Social, Juan Carlos García Quiñones; e a directora do Congreso, Lourdes Mella Méndez.

Segundo a experiencia recollida nos últimos anos, o teletraballo pode ser unha vía axeitada para “harmonizar equilibradamente os respectivos intereses persoais e profesionais” de xeito que redunde na produtividade da empresa pero tamén permitindo atender os intereses privados dos traballadores e traballadoras. Ademais, e como explicou a profesora Mella, existe interese en analizar a opción do teletraballo como “un remedio máis para loitar contra a crise económica dos últimos anos, en canto permite aforrar importantes custes económicos da empresa”. Ademais destas dúas reflexións, o encontro da vindeira semana prestará especial atención á lexislación no ámbito da Unión Europea e dos diversos Estados membro que “deberán ter como un dos obxectivos prioritarios o desenvolvemento de novas tecnoloxías e a súa incorporación ás empresas, en canto requisito ineludible dun emprego decente e de calidade”, engade Lourdes Mella.

O programa deseñado abarca unha reflexións sobre as características básicas da consideración do teletraballo ou traballo a distancia e a domicilio; a organización do tempo de traballo, de descanso e conciliación nesta fórmula; o control empresarial e privacidade; ou a prevención de riscos laborais. Ademais prestarase atención a cuestións como o réxime xurídico da relación de teletraballo ou o e-work como mecanismo de inclusión social e responsabilidade social, ademais de revisar o marco xurídico desta modalidade no Reino Unido, Francia, Italia, Alemaña e a experiencia de Arxentina no relativo ao novo contido na negociación colectiva e a certificación de competencias laborais e o teletraballo.

Co lema ‘ E-work como modelo de flexibilidade, conciliación e produtividade no dereito español e comparado’, na Facultade compostelá cítanse expertos das universidades de A Coruña, Bordeos, Complutense de Madrid, Hull, Goethe, Minsk, Sevilla e da propia USC, así como representantes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, da Asociación Española de Dereito do Traballo ou do Ministerrio de Traballo de Arxentina. Esta é unha iniciativa que organizan a USC, a Asociación Española de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e a Asociación Internacional para o Estudo Internacional e Comparado do Dereito do Traballo e das Relacións Industriais de Italia.

Fonte: xornal.usc.es