Oficina CEER
 20-04-2015
UNHA VIAXE POLAS VIDAS DOS OUTROS A TRAVÉS DA SÉTIMA ARTE

O profesor de Belas Artes Alberto Ruiz de Samaniego reflexiona sobre cine en "Las horas bellas".

Neste libro, o autor compila unha serie de ensaios dedicados a diferentes autores e filmes.

“As horas belas son as dous outros, ou as que non existen”. Neste verso do poeta lisboeta Fernando Pessoa atopou o profesor da Facultade de Belas Artes Alberto Ruiz de Samaniego algo máis que un título para o libro no que compila as súas reflexións sobre o cinema, sobre unha arte sustentada na vida dos outros, na imaxe dos outros. “É unha declaración inmellorable para entender a experiencia dun espectador de cine”, apunta este docente, que vén de publicar Las horas bellas. Escritos sobre cine (Abada), un volume no que recolle diferentes ensaios que parten do seu interese por unha serie de autores e de películas que, como apunta, “son sempre dos outros, pero pasan pola reconsideración da nosa mirada".

“Que as horas belas son as dos outros, ou as que non existen é algo que nos revela magnificamente o cine, porque cando asistimos á proxección dunha película, o noso tempo se convirte no tempo de outros e noutro tempo”, sostén Ruiz de Samaniego aludindo precisamente a dicotomía vida-memoria que ve reflectida na sétima arte. De aí que esa idea de que, no cine, “a imaxe é sempre do outro”, sexa un dos motivos centrais de Las horas bellas, un libro no que reúne unha serie de escritos previamente publicados en diferentes catálogos, libros ou revistas, xunto con outros textos inéditos ou que proceden, “moi transformados, dalgunha conferencia”. Textos que achegan a visión deste profesor sobre diferentes autores ou películas partindo precisamente desa idea da cinema como “unha síntese de vida que outros montaron”. Neste senso, Ruiz de Samaniego incide en que, nesta arte, “unha imaxe non ten un sentido inmediato, concreto, conxelado e imperturbable, senón que o adquire do seu seu itinerario e carácter fluínte” e por iso presenta o seu libro como unha “conmemoración e revisión permanente do tempo da imaxe, dun tempo que foi do cine e que as propias imaxes constrúen”.

Un percorrido pola historia do cine sen selo
Nun volume composto por diferentes ensaios, pero que conforma unha peza unitaria, Ruiz de Samaniego reúne a visión da obra e traxectoria de cineastas como Hitchcock, Passolini, Tarkovski, Fellini ou Fritz Lang, ás que se suman os capítulos dedicados a películas concretas como Fanny e Alexander de Bergman ou 2001. Unha odisea no espazo, de Kubrick. “Pero tamén hai ensaios sobre temas máis amplos e transversais, como o cine e a enfermidade, por exemplo, ou o nacemento do cinema de animación”, engade o autor.

A pesares de que en Las horas bellas, Ruiz de Samaniego comeza a súa reflexión nas primeiras etapas da historia do cine, afondando por exemplo nas obras do francés Georges Meliés, para pechala, seguindo unha orde cronolóxica, coa análise de autores contemporáneos, como o húngaro Béla Tarr, o volume non foi concibido “en absoluto” como un libro sobre a historia do cine. Así o resalta o seu autor, que tamén rexeita que as súas reflexións sobre cineastas, filmes ou temáticas contribúan a unha segunda lectura de películas que forman parte xa da historia da sétima arte. “Tan só propoño a miña lectura”, conclúe.

A vida despois da vida
“Este libro resulta, no fondo, unha reflexión sobre o estatuto do imaxinario”, engade Ruiz de Samaniego dun volume que “quere ser unha contribución máis a afondar nunha ontoloxía da imaxe”. No en van, a súa visión do cine como unha “síntese da vida que outros montaron para o espectador" entronca directamente cunha reflexión sobre a propia natureza da imaxe nesta disciplina artística, que recrea vidas ou persoas que forman parte do pasado. A idea do cine como “unha vida despois da vida” é pois dun dos eixos de unión dos diferentes textos que se compilan nesta publicación. “Diría que é unha constante nas miñas reflexións”, engade o seu autor, para quen “a conciencia dun espectador de cine é como un labirinto onde colisionan múltiples capas de espazo-tempo”. De aí que a súa concepción do fotograma sexa precisamente a de “imaxes que non respiran máis que na medida en que o espectador se proxecte nelas, as anime e lles ceda un pouco da súa vida”.

Fonte: duvi.uvigo.es