Oficina CEER
 24-04-2015
LEO BASSI NO PAPEL DE TRANSMISOR DO PATRIMONIO DE PALLASOS E BUFÓNS

O cómico italiano impartiu este venres unha clase maxistral no campus.

No marco da programación da XX Miteu.

Despois de 20 anos de programación, a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense acumula amigos que periodicamente se achegan aos escenarios da cidade para participar dela, xa sexa actuando xa sexa como público. Un deses amigos é o cómico italiano Leo Bassi, que ten acudido a diferentes edicións á Miteu e que esta semana repite cita e por partida dobre. Despois da representación este xoves pola noite da súa Gran Misa Patólica, este venres Bassi impartiu unha clase maxistral no campus de Ourense na que quixo transmitir aos participantes o legado cultural de pallasos e bufóns.

Patrimonio herdado e transmitido
“O que quero con esta clase é compartir cos alumnos as vellas técnicas de comunicación que os pallasos e bufóns utilizaron desde antigo para seducir, para enganar, para conquistar ao público. Son técnicas de máxima utilidade na actualidade, en ámbitos de todo tipo, desde a publicidade e a comunicación ata as asembleas políticas. O que fago é falar da tradición para falar da realidade de hoxe en día”, comentou o cómico e actor. Como membro dunha familia que tradicionalmente se dedicou ao circo de rúa, explicou Bassi, el herdou este patrimonio acumulado por pallasos e bufóns ao longo dos séculos e agora séntese “na obriga e no deber de compartilo coas novas xeracións para mantelo vivo”.

Con este coñecemento atesourado de xeración en xeración e despois dunha vida dedicada aos escenarios, Leo Bassi amosouse especialmente satisfeito de atoparse nunha universidade impartindo unha master class na que poder contarlle a persoas amantes do teatro as técnicas que pallasos e bufóns foron perfeccionando desde antigo para conseguir, a través do sorriso, conquistar ao público. Para conseguir este obxectivo, a sesión, na que participaron máis dunha trintena de persoas, mesturou discurso e práctica animando aos asistentes a descubrir máis deles mesmos e a tomar un papel activo ao mesmo tempo que observador e crítico.

Partindo do autocoñecemento
Entre as técnicas que traballaron, o cómico salientou precisamente a importancia do autocoñecemento. “Hai que coñecerse a un mesmo e cales son os nosos obxectivos. En ocasións as persoas empezan a comunicar e acaban transmitindo algo moi diferente ao que querían inicialmente e iso pasa moitas veces porque non tiñan moi claros ao principio os obxectivos ou porque non se coñecían a si mesmos”, explicou. Entre estas técnicas de autocoñecemento, o cómico subliñou a importancia de controlar as expresións faciais. "Pode acontecer que o que unha persoa transmita é que está triste, cando en realidade está contenta, ou viceversa. Un dos traballos dos pallasos é usar o espello e darse conta da imaxe que en realidade comunican. Pallasos e bufóns tiñan a obriga de saber facer isto moi ben porque de elo dependían para comer, e iso deulles unha grande experiencia de vida”, apuntou Leo Bassi.

Durante arredor de tres horas, participantes e cómico interactuaron e traballaron esta e outras técnicas centrándose na comedia e nos problemas principalmente teatrais, buscando en última instancia ser efectivos diante do público, o mellor xeito de honrar e manter vivo o legado de todas as xeracións de pallasos e bufóns que fixeron unha arte da capacidade de sacarlle un sorriso ás persoas. "É un privilexio poder asistir a unha master class de alguén tan grande como Leo Bassi, por iso, alén da representación da Gran Misa Patólica, nesta edición quixemos organizar esta actividade", salientou Fernando Dacosta, director da Miteu, que continúa a súa programación co mellor teatro universitario ata o día 30 de abril.

Fonte: duvi.uvigo.es