Oficina CEER
 21-10-2015
OURENSE ACOLLERÁ O 24 E 25 DE NOVEMBRO OS XXIX XOGOS DEPORTIVOS UNIVERSITARIOS GALAICO-DURIENSES

Na cita participarán 180 estudantes de Galicia e Norte de Portugal.

Haberá competicións de baloncesto, fútbol, rugby e xadrez.

Desde o ano 1993, os Xogos Deportivos Universitarios Galaico-Durienses reúnen a estudantes das universidades da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Minho, Trás-os-Montes e Alto Douro e Porto para convivir e estreitar lazos a través da práctica deportiva. A edición destes ano celebrarase na Universidade de Vigo, concretamente no campus de Ourense, os días 24 e 25 de novembro e nela daranse cita 180 alumnos e alumnas das seis institucións académicas galegas e do Norte de Portugal.

Unha competitividade saudable

A comisión que traballa na organización deste evento, que inclúe ademais das citadas universidades á Fundación CEER e á Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, reuniuse recentemente no campus de Ourense para pechar a data de celebración e para ultimar detalles. “O importante destes xogos non é a competición senón a convivencia que se produce entre estudantes de seis universidades lusas e galegas. A competición deportiva é unha escusa para o fomento da actividade física entre a comunidade universitaria e para o estreitamento dos lazos de colaboración entre as institucións que participamos nesta iniciativa”, comenta Rodrigo Alberte Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus de Ourense. A iniciativa, comentan os seus promotores, enmárcase dentro do compromiso das universidades participantes no fomento dos hábitos de vida saudables, compromiso que se materializa na súa adhesión ás redes estatais e internacionais que agrupan ás chamadas “universidades saudables”.

Segundo sinalan as entidades organizadoras, nos case 30 anos de experiencia dos xogos téñense mobilizado con esta iniciativa a máis de 8000 estudantes dos dous países e realizado a Declaración de Vila Nova de Cerveira/Tomiño. Deporte universitario na Eurorrexión. Orientacións e principais desafíos en torno da estratexia europa 2020, asinada polas seis universidade participantes. Os xogos, recalcan, concíbense coma unha sorte de vehículo que permite o coñecemento mutuo, a convivencia e o traballo colaborativo entre as universidades e organismos públicos integrantes da Eurorrexión. Ademais son un aliciente para que os equipos universitarios adestren con intensidade e dedicación ao longo do ano co obxectivo de tentar mellorar as posicións de edicións anteriores, co espírito de entrega e superación que caracteriza a estas competicións.

Delegacións de seis universidades e dos dous países A delegación que participará de cada universidade estará composta por 30 deportistas, escollidos en cada universidade segundo os seus propios criterios, un xefe de delegación e tres técnicos. As modalidades nas que competirán son baloncesto mixto, fútbol 7 feminino, rugby 7 masculino e xadrez, que foron escollidas tendo en conta as das últimas edicións do xogos, co obxectivo de ir alternándoas e dando entrada cada ano a novos deportes, e tendo en conta a dispoñibilidade en todas as universidades participantes de equipos desas disciplinas. Á hora de elixir as competicións tamén se tivo en conta as instalacións dispoñibles no campus onde se celebrará a cita, neste caso no campus de Ourense. Deste xeito, os días 24 e 25 de novembro a actividade desenvolverase de acordo co Regulamento Xeral dos Campionatos Universitarios no pavillón universitario, no campo de futbol-rugby e na piscina universitaria do campus ourensán.

Fonte: www.duvi.uvigo.es