Oficina CEER
 21-12-2015
UN ARTIGO DE INVESTIGACIÓN DA UDC, PRIMEIRO POSTO EN BIOMEDLIB

O artigo de investigación dos investigadores Teresa García Real, Tomás Miguel Díaz Román, Victoria García Martínez e Pilar Vieiro Iglesias “Clinical and acoustic vocal profile in children with attention deficit hyperactivity disorder” ocupa o primeiro posto dentro dos artigos máis relevantes no tema TDAH (Transtorno por Déficit de Atención e Hiperactividade) en BioMEdLib (Biblioteca Nacional de Medicina da base de datos Medline) desde o mes de setembro, segundo notificou a propia BioMEdLib.

Con anterioridade, xa se situou entre os vinte mellores artigos neste tema, o que amosa o impacto científico dos resultados atopados na área biomédica a nivel internacional. Os autores, varios deles pertencentes ao grupo de investigación “Estratexias de Intervención na Linguaxe Oral e Escrita” da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, explican neste estudo que os nenos con TDAH teñen máis factores de risco vocal porque falan máis, máis forte e máis rápido e presentaron máis ronqueira na súa voz que os nenos sen TDAH, polo que se suxiren futuros estudos para atopar o tratamento máis adecuado ao perfil destes nenos.

Fonte: udc.es