Oficina CEER
 01-02-2016
EXIPTOLOXÍA, CONSERVACIÓN DE PRODUTOS DA PESCA E MUS RENOVAN A OFERTA DE OBRADOIROS DA UVIGO NO SEGUNDO CUADRIMESTRE

Os cursos, que ofertan preto de 200 prazas, comezarán a mediados de febreiro.

As actividades desenvolveranse no campus, na EU de Estudos Empresariais e en Anfaco.

A Antigo Exipto desvelará os seus segredos todos os mércores desde mediados do mes de febreiro na EU de Estudos Empresariais, da man da historiadora e colaboradora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, GEAAT, da Facultad e de Historia do campus de Ourense María Eugenia Muñoz. O obradoiro Introdución á exiptoloxía, que impartirá a tamén ex alumna da Universidade de Vigo, é unha das novidades do programa de cursos organizados pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais para o segundo cuadrimestre, no que tamén se desenvolverán por primeira vez os obradoiros de Procesos de conservación e transformación de produtos da pesca e da acuicultura e Iniciación ao mus. A oferta deste segundo cuadrimestre do curso 2015-2016 complétase cos obradoiros: Cosmética natural aproveitando a contorna; Guitarra; Iniciación á maxia; Posta en escena dunha obra teatral; Cine: creación dunha curta cun smartphone; A relaxación e os sentidos: o tacto e Iniciación e perfeccionamento en fotografía dixital.

Preto de 180 prazas ofértanse, tanto para membros da comunidade universitaria, como para calquera persoa allea a ela, nesta edición dos obradoiros, que comezarán a impartirse entre o 15 e o 19 de febreiro e nos que os e as interesadas deberán realizar a matrícula online desde o día 1 e ata o 12 de febreiro. 26 euros é o prezo que deberán aboar os membros da comunidade universitaria, mentres que as persoas alleas á mesma pagarán 40 euros. Como todos os anos, ao remate dos obradoiros entregaranse diplomas acreditativos, sempre e cando se confirme a asistencia ao 85% das 30 horas de duración de cada curso, con recoñecemento de dous créditos de libre elección e un crédito ECTS para as ensinanzas de grao.

Atracción polo Antigo Exipto que non cesa
O interese manifestado por varias persoas na realización dun obradoiro sobre exiptoloxía está na orixe do curso que a partir do 17 de febreiro impartirá a historiadora María Eugenia Muñoz na EU de Estudos Empresariais. “O feito de que varias persoas nos trasladasen o seu interese por incorporar ao noso programa de obradoiros un centrado no Antigo Exipto, así como contar cunha historiadora que foi ex alumna nosa e segue a colaborar con investigadores da Faculta de Historia, animounos a poñer en marcha este curso que se formula como unha introdución á cultura do Antigo Exipto a través da súa escritura máis coñecida: o xeroglífico”, explica Alfonso Caride, técnico de actividades culturais da Vicerreitoría de Extensión Universitaria. Ao longo de 30 horas os e as asistentes a este obradoiro aprenderán a descifrar xeroglíficos e tamén os aspectos máis sobranceiros da vida cotiá dos e das exipcias.

Procesos de conservación e transformación de produtos da pesca e da acuicultura é outro dos obradoiros que se imparte por primeira vez na Universidade de Vigo. Neste caso, o desexo de achegar a Universidade á Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas, Anfaco-Cecopesca, cuxas instalacións de localizan no propio campus, está na orixe deste curso que se celebrará na biblioteca da asociación e que será impartido por Vanesa Losada, Belén Román, María Vaquero, Mariña López e María Lorena Formoso. “A historia, as tecnoloxías existentes ou os requisitos de etiquetado para a conservación dos produtos da pesca son algunhas das cuestións que se abordarán neste curso, que tamén inclúe visitas ás instalacións (museo, planta piloto e laboratorios) de Anfaco-Cecopesca”, explica Alfonso Caride.

As novidades neste cuadrimestre complétanse con Iniciación ao mus. Impartido por Manuel Cuquejo, vocal da Asociación de mus Rías Baixas, a través de sesións teórico- prácticas este curso procura o fomento das habilidades no cálculo das probabilidades, a toma de decisións e o traballo en equipo, ademais de introducir aos participantes no mundo do mus online.

Clásicos renovados
Ademais de recuperar o curso de iniciación á maxia da man do mago Cali, o obradoiro de cine renóvase coa creación dunha curta cun smartphone, unha iniciación práctica na creación audiovisual para producir unha peza cun dispositivo móbil, desde a súa preprodución, pasando pola rodaxe, posprodución e comercialización. Así mesmo, o obradoiro de iniciación e perfeccionamento en fotografía dixital, que impartirá o fotógrafo Lalo R. Villar, estará nesta edición moi centrado en como compartir imaxes nas redes sociais ou en galerías privadas, así como na mellora de fotografías a través de programas informáticos.

Pola súa banda, o curso Cosmética natural aproveitando a contorna repite este cuadrimestre trala gran demanda que acadou a primeira edición na que se realizaron saídas de campo para identificar e apañar plantas a partir das que, a través de diversos procesos, obter xabóns, ungüentos ou tinturas medicinais. No caso do obradoiro Posta en escena dunha obra teatral, impartido pola, directora artística, Pepa Barreiro, os e as participantes, que xa tomaron parte nesta actividade no primeiro cuadrimestre continuarán traballando na montaxe dunha obra teatral, que formará parte da programación da Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu. Mentres, o curso de guitarra, impartirase en sesións de mañá e tarde da man de Francisco Almodovar e o de relaxación e os sentidos, centrarase no tacto, con sesións prácticas, abordando técnicas para acadar o benestar físico.

Fonte: duvi.uvigo.es