Oficina CEER
 09-02-2016
AS SOLICITUDES PARA AXUDAS Á INVESTIGACIÓN EN LINGUA GALEGA QUINTUPLÍCANSE EN CINCO ANOS

Concedéronse 40 en 2010 fronte ás 210 de 2015.

A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística denuncia, porén, que o galego segue a ser minoritario na ciencia.

As axudas para a investigación en lingua galega naceron co obxectivo de fomentar o uso do idioma propio nun dos eidos universitarios con menos presenza, o da investigación. O sistema centralizado de avaliación, a globalización da ciencia e os atrancos burocráticos frean a moitos investigadores e investigadoras que pensan en redactar e publicar os seus traballos en galego. Con esta convocatoria de axudas, as universidades galegas, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, tratan de incentivar e visibilizar o galego nas teses de doutoramento, traballos fin de grao, etc. A evolución das solicitudes na Universidade de Vigo amosa a boa aceptación destas axudas, pasando de 40 en 2010 a 210 en 2015, o que significou triplicar tamén a contía económica total das convocatorias, que pasou de 5400 euros a 14.000 en cinco anos.

Na convocatoria de 2015, que se vén de resolver, concedéronse 210 axudas, das cales sete corresponden a teses de doutoramento. O resto son para proxectos fin de carreira (18), traballos fin de grao (111) e traballos fin de mestrado (74). As cifras amosan unha elevada presenza de traballos fin de grao, obrigatorios coa implantación do EEES, pero tamén reflicten que nas etapas formativas superiores a presenza de traballos en galego é menor.

A autocensura
A pesar dos avances, a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística está a traballar en propostas para darlle pulo ao uso da lingua galega no ámbito da docencia a investigación e dotala de prestixio. As medidas propostas xorden do estudo realizado pola profesora da USC Alba Nogueira en 2013 de diagnose do emprego do galego como lingua científica, que conclúe que a súa presenza é moi inferior á que lle correspondería como lingua normal da sociedade galega. O responsable da ANL de Vigo lembra que a pesar dos atrancos para publicar investigación en galego, “percibimos como a xente está formada, non ten especiais dificultades en realizar os traballos en galego, séntese cómoda, sobre todo se xa tivo a desenvoltura no ensino medio” e nese proceso é fundamental “o ambiente e a disposición aberta ou colaboradora por parte do profesorado”. Pero as barreiras aumentan a medida que a investigación está nun nivel superior, como as teses de doutoramento, cuxo número en galego segue a ser baixo. Paulo Cabral recoñece que cando un investigador “dedica tanto tempo e esforzo a un traballo procura o maior impacto” e en determinadas disciplinas do ámbito científico-tecnolóxico prefiren presentar o traballo en inglés ou castelán “aínda que o resultado ou o obxectivo estea destinado a un aspecto referido ao ámbito local (marisqueiro, agropecuario, forestal, publicitario, empresarial...)”. Considera que existe unha “desincentivación, un efecto de autocensura” xa que se pode optar por redactar e presentar un traballo en galego e reproducilo nun soporte multilingüe. “Non ten sentido desbotar o galego, pero hai inercias e prexuízos que continúan a pexar a nosa lingua, tamén, ou sobre todo, no ensino superior e na investigación”.

As propostas da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística
O documento feito público pola Comisión Interuniversitaria incide, por unha banda, en que a centralización dos sistemas de avaliación da ciencia e a globalización científica fan moi complicado que se poidan cumprir “os compromisos constitucionais verbo da diversidade lingüística”. No tocante ás propostas relativas á acreditación do PDI, apóstase por modificar os criterios de selección dos membros das comisións de acreditación, de xeito que estean representadas tanto as diferentes áreas do coñecemento como as institucións e comunidades autónomas, “en especial aquelas con lingua propia”. Apostan tamén por incluír como criterio de selección o coñecemento de idiomas, “con especial atención ás linguas oficiais do Estado”. Outra das propostas sobre a acreditación do PDI é a inclusión do uso das linguas cooficiais como mérito complementario na avaliación da investigación e da docencia universitaria. No relativo á avaliación dos sexenios, dende a CIPL defende que “a contribución ao avance do coñecemento de aquelas achegas científicas que fosen redactadas en linguas cooficiais o publicadas en revistas de ámbito autonómico deberá ser obxecto dunha avaliación específico, sen valorarse negativamente polo feito de non terse incorporado a índices de impacto nacional o internacional”.

Outro segundo bloque de propostas refírese ás medidas de estímulo do uso do galego na docencia e na investigación. Neste sentido apostan pola mellora do galego como indicador do Plan de Financiamento do SUG e destacan que o número de teses lidas en galego aparece actualmente como indicador de responsabilidade social, cunha valoración do 2,5% desa subvención a resultados. Por consideralo “parcial e insuficiente”, a CIPL convida á Xunta e ás universidades a traballar en dúas liñas: incrementar a calidade e cantidade dos indicadores do uso do galego e mellorar a presenza destes indicadores nas distintas partes do PFSUG, como por exemplo, sendo o galego criterio da parte variable do subvención fixa ou estrutural ou incorporar o uso da lingua galega ao financiamento por mellora da calidade. Por outra banda demandan tamén a constitución de itinerarios docentes en galego, “de xeito similar á crecente constitución de grupos docentes en lingua inglesa”. Isto, segundo indican, permitiría “non só facer a carreira en galego, senón tamén planificar de xeito integral e máis eficiente os esforzos formativos e organizativos de cara a lograr un uso normal do galego quer dos estudantes, quer do profesorado adscrito a estes grupos”.

Cabral recoñece que non hai “solucións milagreiras nin autónomas, formamos parte do conxunto: resulta crucial o traballo que se fai no ensino medio, é directamente proporcional a formación e o costume de usar o galego ao seu posterior desenvolvemento”. Fronte aos prexuízos e obstáculos académico-administrativos que desincentivan a publicación de traballos en galego, lembra que no ámbito internacional tamén o castelán ou mesmo o francés atopan atrancos. “A hexemonía dos indicadores internacionais de base anglosaxona determinan as decisións das políticas académicas das universidades, mais tamén son decisivas na planificación individual da carreira académica do profesorado universitario”. Por iso, lamenta que se valore máis a forma que contido, “a lingua non pode ser obstáculo para a transmisión dun bo contido e o Estado ten que recoñecer o seu carácter plurilingüe e defender por igual todas as súas linguas”.

Fonte: xornal.usc.es