Oficina CEER
 19-02-2016
O CEXEF DA UDC ORGANIZA UNHA XORNADA SOBRE A IGUALDADE NA UNIVERSIDADE DA CORUÑA

O vindeiro xoves, 25 de febreiro, celebrarase o II Feminario do Centro de Estudos de Xénero e Feminismo da Universidade da Coruña na Facultade de Ciencias da Educación. Esta xornada, aberta a todas aquelas persoas interesadas, ten como obxectivo visibilizar as estratexias de docentes, mocidade investigadora e organizacións estudiantís para integrar a perspectiva de xénero na súa actividade. Despois da gran participación rexistrada na edición anterior o II Feminario volve retomar o diálogo académico e social poñendo foco na realidade máis próxima: a da propia Universidade.

Este encontro contará coa presenza de Ana Rubio, catedrática de Filosofía do Dereito e Política na Universidade de Granada, quen afondará na relevancia da teoría feminista hoxe. As persoas asistentes tamén poderán tomar parte nun conversatorio entre Carmen Castro, doutora e especialista en Economía e Xénero, e Beatriz Suárez, teórica feminista e profesora titular de crítica literaria na Universidade de Vigo, que abordarán a situación dos estudos sobre xénero e feminismo en Galicia.

O programa do feminario compaxinará as intervencións destas académicas de recoñecido prestixio con dúas mesas redondas nas que profesorado e representantes do asociacionismo estudiantil debatirán sobre as necesidades, estratexias e dificultades na integración da perspectiva de xénero e feminista na universidade. Ambas perspectivas complementaranse cunha mesa de relatorios dedicada as novas caras na investigación de xénero e feminista no seo da UDC onde estudantes de grao, mestrado e doutoramento exporán o seu traballo nesta liña.

A inauguración desta xornada correrá a cargo do reitor, Julio Abalde, a decana da Facultade de Ciencias da Educación, Ana Iglesias Galdo, e a directora do Centro de Estudos Feministas, Rosa Cobo Bedía.

O II Feminario está organizado polo Centro de Estudos de Xénero e Feministas. Esta entidade, creada en 2012 na Universidade da Coruña constitúe un espazo de investigación de carácter aberto e multidisciplinar, no que se integra o profesorado da Universidade da Coruña que desenvolve liñas investigadoras en materia de xénero e/ou feminismo. Así mesmo, o CEXEF constitúe un centro de formación para todas aquelas persoas que queiran iniciarse ou ampliar os seus coñecementos no eido da igualdade e de diálogo permanente coa realidade social máis próxima.

Na edición anterior este Feminario serviu como un punto de conexión entre a investigación académica e o activismo feminista.

Máis información: bit.ly/1LwQKcf

Fonte: www.udc.es