Oficina CEER
 07-03-2016
REUNIÓN EN SOCIOLOXÍA E COMUNICACIÓN PARA TRATAR O TEMA DO GAS RADON

O Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Universidade da Coruña implantou en 2004 un plan de prevención con respecto ao gas radon que consiste na medición en todos os centros universitarios dos niveis deste gas e a implantación de medidas correctoras en caso necesario. Ao longo deste tempo, tomáronse medicións en varios campus e este ano comezou a medirse nos centros do campus de Elviña, empezando polas facultades de Socioloxía e Ciencias da Comunicación que comparten edificio.

As medicións son efectuadas polo Laboratorio de Radioactividade Ambiental (LRA), da Escola Universitaria Politécnica, que é o referente na súa área para todo o noroeste de España. Nas medicións tomadas no edificio que acolle estas dúas facultades, observáronse concentracións moi elevadas de radon no andar -1 onde están o estudio de radio, plató TV, camerinos e postproducción. A concentración foi da orde dos 3000-4000 Bq/metro cúbico, cando a normativa a limita a 600 Bq/metro cúbico.

O informe foi remitido polo LRA ao Servizo de Prevención de Riscos Laborais (SPRL) o día 23 de febreiro. O día 25, o xerente e a xefa do SPRL reuníronse cos decanos para darlles conta do informe e ademais, e xunto con iso, entregóuselles un plan de medidas de mitigación de radón que consiste na instalación dun sistema de ventilación, posto que o radon é un gas moi volátil e vaise coa ventilación adecuada. Ademais, como medida de prevención, procedeuse a trasladar a un traballador. O protocolo indica que se seguirán tomando medicións de radon para ver se se consiguen resultados apropiados. En caso de non ser así, tomaranse máis medidas, como limitar no tempo o uso destas instalacións a unhas horas ao día, ata conseguir resultados óptimos.

Para dar conta deste informe e responder a todas as inquedanzas da comunidade universitaria destas dúas facultades, o reitor, Julio Abalde, reuniuse esta mañá co profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos no salón de actos do centro.

Xunto co reitor estaba o vicerreitor de Economía, Infraestruturas e Sustentabilidade, Domingo Calvo, o xerente, Juan Díaz Villoslada, a xefa do SPRL, Dolores Arias, así como o técnico de Hixiene Industrial, José Antonio Bouzas; José Luis Calvo Rolle, director do departamento de Enxeñaría Industrial e responsable do Laboratorio de Radioactividade Ambiental, e Alberto Otero, do mesmo laboratorio e licenciado en Química.

Segundo explicaron os técnicos, os niveis detectados non son preocupantes porque unha medición de concentración non indica o mesmo nivel de exposición por parte dos usuarios desas instalacións, pero con todo, se tomaron medidas e se seguirán tomando ata conseguir niveis normais.

Este problema de concentración de gas radon é moi frecuente en Galicia polo seu chan granítico. A UDC é das poucas institucións e empresas en Galicia (só hai tres segundo afirmaron os técnicos) que ten un plan de prevención de radon.

Fonte: www.udc.es