Oficina CEER
 15-03-2016
UNHA LECCIÓN DE REALISMO PARA AQUELES QUE SOÑAN CON SER DIPLOMÁTICOS

Bernardo López falou nos campus de Ourense e Vigo sobre o acceso a este corpo.

O alto nivel en idiomas é unha das principais esixencias para os aspirantes.

A imaxe pública dos diplomáticos e diplomáticas soe estar asociada a luxos, comodidades e relacións sociais. Porén, tamén neste caso a realidade soe ser bastante diferente á que se plasma nos medios de masas. Bernardo López, subdirector da Escola Diplomática en España, centro de estudos superiores dependente do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación, achegouse este luns aos campus de Ourense e Vigo para falar do acceso á carreira diplomática e para contar en primeira persoa a súa experiencia neste eido. “Non creades que isto é unha carreira Ferrero Rocher”, díxolles aos asistentes en alusión ao coñecido anuncio de bombóns que se ambienta nunha embaixada.

A súa intervención tanto na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense pola mañá como na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo do campus de Vigo pola tarde, tivo como obxectivo presentarlle ás persoas interesadas o Máster Interuniversitario en Diplomacia e Relacións Internacionais da Escola Diplomática, as oposicións de acceso á carreira diplomática, as perspectivas e funcións profesionais dos funcionarios diplomáticos e o proceso de formación neste eido a través do curso selectivo para os secretarios de embaixada en prácticas. Para falar destes temas, o conferenciante non só achegou os seus coñecementos neste eido como subdirector da Escola Diplomática senón tamén pola súa dilatada traxectoria persoal en diferentes postos en embaixadas como as de Panamá, Letonia, Polonia e Xamaica.

Unhas oposicións duras
Bernardo López cualificou como “duro” o proceso de acceso á carreira diplomática, indicando que se tarda unha media de catro anos en preparar as oposicións e que a media de idade para o ingreso dos novos diplomáticos é de 29 anos. En todo este proceso, apuntou, os idiomas son fundamentais, centrando boa parte desa preparación a adquisición dun nivel axeitado en inglés e noutra lingua das estipuladas. As oposicións, explicoulle aos asistentes, constan de catro probas eliminatorias. A primeira proba, indicou, é un exame tipo test dun centenar de preguntas sobre o temario da oposición. A segunda será este ano a realización dun ensaio escrito sobre un tema de actualidade, a súa lectura diante do tribunal e unha entrevista persoal.

A terceira das probas é a de idiomas, onde se esixe como mínimo o dominio do inglés e dun segundo idioma que ten que ser alemán ou unha das linguas das Nacións Unidas. “O nivel de idiomas é moi alto”, recalcou o conferenciante, que indicou como un terceiro idioma pode puntuar en positivo. As persoas que chegan a esta fase teñen que facer unha tradución directa inversa e un exercicio oral sobre un tema internacional. Por último, o proceso remata co desenvolvemento dos temas elixidos por sorteo entre os 200 que forman parte do temario da oposición. A formación pero tamén “o factor sorte”, sinalou, serán claves para superar este proceso selectivo e entrar na tan desexada carreira diplomática. Neste senso, salientou, o máster que imparte a súa escola, ofrece ás persoas interesadas a oportunidade comezar a traballar o temario das oposicións, familiarizándoos cos contidos.

O destino en países con peor nivel de vida
Sobre o desenvolvemento da carreira diplomática en si, durante a sesión, Bernardo López fixo fincapé en dar unha imaxe acorde á realidade desta profesión, desmitificándoa. O subdirector da Escola Diplomática advertiulle aos asistentes que os primeiros destinos das persoas que ingresan no corpo son habitualmente países cun nivel de desenvolvemento e calidade de vida menor que o de España, cos problemas de seguridade e saúde que iso pode provocar. Ademais, apuntou, cando se ten unha carreira diplomática con éxito e se acada finalmente unha embaixada non se consegue en primeira instancia os destinos máis desexados, os dos países máis desenvolvidos. Lembrando como as embaixadas non só están en lugares como París senón tamén en Kabul, o conferenciante fixo fincapé “en que as primeiras embaixadas son duras, para o diplomático e para as súas familias”, sendo nalgúns casos recomendable que vaian sos. Por todas estas circunstancias e salientando tamén a parte positiva desta profesión, animou ás persoas interesadas nesta carreira a valorar axeitadamente as súas características e esixencias.

Fonte: duvi.uvigo.es