Oficina CEER
 08-04-2008
O catedrático Francisco García Tortosa, autor da tradución definitiva en castelán do Ulises de Joyce, impartiu unha conferencia en Filoloxía

O catedrático da Universidade de Sevilla Francisco García Tortosa, autor da que é unanimemente considerada a tradución definitiva en castelán do Ulises de James Joyce, comentou na Facultade de Filoloxía o seu labor na tradución da destacada obra do autor irlandés. Fíxoo no transcurso da conferencia ‘Trasfondo da tradución do Ulises de James Joyce’, na que disertou sobre as características temáticas e estéticas do Ulises, considerada unha das obras cumio da literatura universal, e o traballo que supuxo a súa tradución.

Ademais, desta conferencia, García Tortosa participou durante a fin de semana nas actividades docentes dos doutoramentos de Teoría da Literatura e Literatura Comparada e de Tendencias Actuais nos Estudos Ingleses e as súas Aplicacións, onde impartiu o curso ‘Tradución e cultura’. Estes dous programas de terceiro ciclo foron distinguidos en repetidas convocatorias coa Mención de Calidade do Ministerio de Educación e Ciencia.

Francisco García Tortosa é presidente da Asociación Española James Joyce, editor da prestixiosa revista Papers on Joyce e unha autoridade académica a nivel internacional no estudo da obra do xenial escritor irlandés. Ademais das súas numerosísimas publicacións, é preciso subliñar a relevancia da súa edición e tradución para a editorial Cátedra, en colaboración coa profesora María Lusisa Venegas Lagüéns, da que é unanimemente considerada a definitiva versión do Ulise de James Joyce en castelán.

Numerosos joyceanos ao longo da xeografía española, repartidos en universidades coma as de Santiago de Compostela, A Coruña, Xaén, Alcalá de Henares, ademais da de Sevilla, consideran ao profesor García Tortosa o seu mentor académico.